Comercio de barrio

O Concello dá a coñecer a listaxe dos dez finalistas no concurso de escaparatismo de Samaín, que optan a premios de ata 2.500 euros

Este luns, 31 de outubro, abrirase o prazo de votación para determinar os cinco gañadores da vixente edición deste certame, orientado á posta en valor e dinamización do pequeno e mediano comercio local
O Concello dá a coñecer a listaxe dos dez finalistas no concurso de escaparatismo de Samaín, que optan a premios de ata 2.500 euros
Escaparatismo
Escaparatismo

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Comercio, Mercados, Consumo e Barrios, deu a coñecer este venres a listaxe de establecementos finalistas na presente edición do concurso de escaparatismo promovido no contexto da festa de Samaín, ao que se presentaron un total de 91 comercios da cidade.

O certame, organizado polo Concello en colaboración coa Federación Unión Comercial Coruñesa (FUCC), está orientado á posta en valor e dinamización do pequeno e mediano comercio presente nos barrios da cidade, co obxectivo de achegar as coruñesas e coruñeses aos produtos locais de proximidade.

Tras a presentación de propostas, que finalizou o pasado 19 de outubro, e a posterior valoración presencial do xurado, con visitas físicas aos establecementos, a Concellaría de Comercio, Mercado, Consumo e Barrios anunciou o venres os dez finalistas do certame, que optarán a cinco premios en metálico que oscilan entre os 750 e 2.500 euros. Os finalistas son os seguintes: Ariché (rúa Ángel Senra), Centro Óptico Breogán (avenida de Arteixo), Club de las Labores (avenida de Monelos), Damashe by Labores Sheila (avenida das Conchiñas), Endulzarte (avenida de Hércules), La ventana natural (rúa de San Agustín), Librería Susana (avenida de Oza), Librería Troula (avenida da Concordia), Ópticas Sánchez Rubal (rúa de Juan Flórez) e Tu Flori (rúa de Manuel Azaña).

A concelleira de Comercio, Mercado, Consumo e Barrios, Diana Sobral Cabanas, subliñou o "esforzo e creatividade" amosados polas persoas participantes, "vitais á hora de encher as rúas dos barrios de alegría". Sobral apuntou, ademais, "á implicación do Goberno de Inés Rey para a posta en marcha de iniciativas que acheguen ás coruñesas e coruñeses ao pequeno comercio, fundamental para vertebrar a identidade da cidade".

Neste sentido, e desde as 13.00 horas deste luns 31 de outubro, habilitarase na propia web do Concello un formulario de votación para determinar os cinco gañadores do concurso de escaparatismo de Samaín deste ano 2022.

O Concello dá a coñecer a listaxe dos dez finalistas no concurso de escaparatismo de Samaín, que optan a premios de ata 2.500 euros