Avanza na atención e recuperación das vitimas das violencias machistas “desde unha perspectiva integral e especializada”
A Concellería de Igualdade reforza os servizos de canguraxe a domicilio e de atención a menores en situación de violencia de xénero
Rocío Fraga salienta “o fondo compromiso do Goberno municipal con este tipo de políticas”, que, por unha banda, permiten mellorar a atención a domicilio do servizo de axuda á conciliación familiar e, por outra, avanza na atención e recuperación das vitimas das violencias machistas “desde unha perspectiva integral e especializada”
Fonte: Concello da Coruña | 01/08/2016
A Concellería de Igualdade e Diversidade, dirixida por Rocío Fraga, acaba de sacar a licitación dous contratos para reforzar tanto o servizo de canguraxe a domicilio, así como o de atención a menores en situación de violencia de xénero e os prestados pola Casa de Acollida a Mulleres en situación de violencia e xénero. A titular desta área de Goberno destacou "o fondo compromiso do Concello con este tipo de políticas". "Estes servizos son necesarios, e tamén é o un reforzo dos mesmos, de cara a cumprir de forma eficiente as demandas da cidadanía", comenta.
O perfil do contratante do Concello da Coruña recolle hoxe as bases para a contratación da prestación dun servizo de reforzo do servizo de canguraxe municipal na modalidade específica de atención a domicilio entre os meses de agosto e novembro deste ano. O contrato adxudicarase por un prezo de 19.800 euros. "O contrato vixente que temos na actualidade de servizo de canguraxe, na modalidade de atención a domicilio, conta cunha serie de horas contratadas a nivel anual. Dada a forte demanda que experimentou este ano esta variante de atención nas propias casas das familias que precisan deste servizo, o número de horas contratadas está cercano a expirar. Por iso, procedemos de xeito inmediato a unha nova contratación a fin de asegurar a continuidade deste servizo demandando", indicou a edil.
As empresas que opten a este contrato teñen que amosar unhas garantías técnicas, como ser firmas ou entidades que conten con experiencia acreditada nos tres últimos anos en traballos similares (centros de atención á infancia, ludotecas, escolas infantís, garderías, etc..). Ademais, o persoal de atención deberá estar adecuadamente identificado por medio dun carné ou ficha plastificada, validada polo Concello, na que figure tanto o logo municipal como o da empresa e a identificación da persoa encargada como Canguro Municipal. "A identificación ha de estar visible en todo momento sempre que se realice esta prestación, e especialmente, no caso dos traslados de menores", indica Fraga.
Os e as profesionais que vaian realizar estas tarefas de canguraxe en domicilio deberán contar cuns requisitos mínimos, como son estar en disposición dunha titulación académica (ciclo superior de Animación Sociocultural, ciclo medio de Atención Sociosanitaria, ciclo superior de Educación Infantil, de Lecer e Tempo Libre, Socioloxía, Pedagoxía, Psicoloxía ou Educación Social, entre outras). Tamén é requisito obrigatorio que o cadro de persoal que se poña a disposición deste contrato, conte, ademais, con formación en primeiros auxilios, manipulación de alimentos e igualdade de oportunidades. Para a atención no propio domicilio --non para os traslados-- os e as profesionais contratadas contarán cunha experiencia mínima dun ano en atención e coidado de menores.
A concelleira destacou que este novo contrato conta cunha mellora económica especialmente dirixida a garantir salarios dignos para o cadro de persoal adscrito ao servizo, e trata, ademais, de asegurar unha contratación paritaria. É requisito que a adxudicataria destine, ao menos, un 50% de mulleres, para a execución do contrato, do mesmo xeito que as condicións laborais do cadro de persoal nas categorías de monitorado e coordinación non poderán ser inferiores ás establecidas polo convenio colectivo de lecer educativo e animación sociocultural.
Atención socioeducativa a menores vítimas de violencia de xénero
Do mesmo xeito, o Concello saca a licitación o programa municipal de intervención psicolóxica e de atención socioeducativa para menores vítimas de violencia de xénero, un programa que se promove de forma estable para, en palabras da concelleira de Igualdade e Diversidade, "axudar a reparar o daño sufrido mediante a intervención integral e especializada" e que recolle, ademais de intervención psicolóxica individual dos e das menores, atención socioeducativa. Entre os principais obxectivos, sinala Fraga, cóntase o fomento e a recuperación das e dos menores expostos a violencia de xénero, abordando aspectos que van dese o seu desenvolvemento físico ao cognitivo, emocional e de conduta, ademais da prevención para evitar que asuman modelos de relación violentos, "substituíndoos por modelos positivos e en igualdade entre nenas e nenos desde un enfoque plural", así como contribuír ao reestablecemento dunha relación afectiva coa nai ou a persoa de referencia que achegue "seguridade, benestar e protección". "O programa fundaméntase na constatación de que a violencia de xénero no entorno familiar ten un impacto negativo na súa vida, benestar e saúde, deixando fondas secuelas en todas aquelas persoas que a padecen, tanto as mulleres como os e as súas fillas", subliña a responsable municipal de Igualdade, quen destaca o "empoderamento das mulleres vítimas da violencia de xénero no seu papel de nais" como outra das finalidades do proxecto.
Esta acción chega despois de que o Concello puxese en marcha durante seis meses un programa piloto para mulleres e menores, fillas ou fillos das vítimas, dirixido a completar a intervención psicolóxica que se presta na rede municipal de acollida ante situacións de violencias de xénero, e no que se atendeu a 50 persoas. Unha das principais novidades reside en que no futuro programa, ademais desa atención individualizada que se prestaba no piloto, realizaranse actividades grupais específicas para nais e outras conxuntas con nais e menores. O prezo de licitación é de 16.874 euros anuais, o que, como tamén salienta Fraga, supón un notable incremento respecto do orzamento do proxecto piloto, "o que permitirá un maior número de intervencións". Como tamén indica, os criterios de adxudicación toman o prezo de xeito indirecto, "dado que o que se valora será o número mínimo de horas establecido no prego". Puntuarase tamén, ademais dos requisitos relativos ao número e formación do persoal especializado requirido, a formación terapéutica complementaria deste persoal.