A concelleira de Xustiza Social levará a Pleno a adhesión da Coruña á Rede de Cidades Saudables
O Consello Local da Saúde, a piques de empezar a súa andaina
O novo foro municipa ten como obxectivo “dar voz ás persoas e institucións do ámbito sanitario da cidade, ademais de desenvolver un mapa de recursos e servizos do municipio”
O Concello da Coruña porá en marcha a maior brevidade o Consello Local da Saúde, un órgano de carácter consultivo e de participación "que pretende dar voz ás entidades que traballan neste ámbito na cidade". Así o anunciou esta mañá a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, que destacou que este foro naceu da man dunha proposta da plataforma SOS Sanidade Pública, á que agradeceu "tanto a súa iniciativa, como o labor que desenvolve". A responsable municipal explicou que o Consello da Saúde está chamado a ser "unha ferramenta potencialmente valiosa para a planificación participada coa cidadanía das políticas encamiñadas a mellorar a saúde da veciñanza". Logo de consensuar o seu regulamento con diversas entidades do ámbito sanitario da cidade, así como co resto de grupos do arco municipal, o goberno local procederá, á maior brevidade, á aprobación das normas constitutivas mediante un Decreto de Alcaldía. A primeira sesión do novo foro terá lugar dentro dos tres meses seguintes ao seu anuncio no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
"Este goberno ten como un dos seus obxectivos mellorar a saúde e o benestar dos e das nosas veciñas. Para iso é fundamental fomentar políticas de participación que axudarán moito ao propio Concello á hora de orientar e poñer en marcha novas políticas", comentou Cameán que, non obstante, recordou as limitadas competencias en materia sanitaria coas que contan as administracións locais. "O que pretendemos, ademais de fomentar a participación e a colaboración á hora de elaborar programas é desenvolver un mapa de recursos e servizos do municipio, analizar os problemas de saúde da cidade, velar por unha sanidade pública de calidade e promover os dereitos das persoas usuarias", comentou Cameán, que destacou que no Consello Local da Saúde "poderán participar entidades cidadás que realicen actividades relacionadas co ámbito da saúde, persoas representantes de colectivos de especial relevancia social e representantes dos grupos políticos con presenza na Corporación".
Por outro lado, e á marxe desta nova ferramenta de participación, a intención da titular de Xustiza Social é levar a Pleno, logo do verán, a adhesión do Concello á estratexia de promoción da saúde e prevención do Sistema Nacional de Saúde e á Rede de Cidades Saudables. "Apostamos por unha cidade saudable que outorga prioridade á saúde nas súas actuacións, que se compromete con ela e que traballa por conseguir máis e mellor saúde", comentou a concelleira Cameán.
A implementación local da estratexia de promoción de saúde supón a posta en marcha dunha serie de accións como son a constitución dunha mesa intersectorial que englobe aos sectores da saúde, educación, benestar social, transporte, urbanismo, deportes e medio ambiente, así como a identificación dos recursos comunitarios cos que conta o municipio e que contribúen á saúde e o benestar da cidadanía. A proposta de implementación local apóiase no movemento de cidades saudables que traballan para gañar e mellorar en saúde.
Na actualidade, 149 cidades forman parte da rede de Cidades Saudables. Entre outros ámbitos, este foro traballa na mellora dos hábitos alimenticios da poboación en xeral, polo fomento da práctica de actividades físicas e deportivas, na prevención da obesidade, a redución do consumo de substancias adictivas, a prevención de todo tipo de enfermidades e o fomento da saúde e o envellecemento activo. Cameán insistiu este venres na necesidade de que as administracións locais, as máis próximas á cidadanía, "avancen nas tarefas de prevención e promoción da saúde". "Non obstante, tamén resulta imprescindible reivindicar o carácter público dos servizos sanitarios e denunciar os recortes que vimos sufrindo", apuntou.