Será recuperado para usos culturais e memorialísticos

A Coruña abre as portas do vello cárcere

Celsa, Enrique e Suso volveron hoxe ao cárcere Coruña. De visita. De moza, de mozos, a finais dos sesenta e principios dos setenta estiveron presos nesta prisión provincial que hoxe resiste en pé como memoria da represión que agarda a converterse en símbolo de liberdade.

A Coruña abre as portas do vello cárcere
1

O cárcere, cedido polo Estado ao Concello nun convenio asinado hai apenas dez días, será da veciñanza. Iso di o Concello. O alcalde subliñou esta mañá que durante este primeiro trimestre de 2017 se farán os primeiros traballos de rehabilitación e despois o edificio se destinará a usos “comunitarios, culturais e da memoria”. Esta mesma semana, o Proxecto Cárcere, que reúne a diversos colectivos, entre eles asociacións culturais, de veciños e memorialísticas, como a CRMH da Coruña e a ARMH, presentou unha proposta en María Pita para recuperar o cárcere como un espazo de autoxestión cidadá. Polo de agora, non hai outra proposta enriba da mesa. Está por ver como se definen os usos, como se rende homenaxe e se pide perdón á xente que como Celsa, Enrique e Suso sufriron a represión do réxime franquista.

Celsa, que pasou uns tres meses na cadea en dous períodos entre 1974 e 1975, foi hoxe a encargada de abrir a porta. Dentro, nun dos patios, contou ante dúas ducias de xornalistas e fotógrafos que as carcereiras obrigábanas a arrincar o verde do chan “para que estivera todo gris”. Suso, que estivo preso un par de meses no 72, dixo que o Primeiro de Maio se celebrara no patio, con cánticos e bandeiras, e lembra: “até facíamos obras de teatro, de Alfonso Sastre, nin máis nin menos, que estaba prohibido”. Enrique, que pasou pola cadea no 67, case catro meses, recorda que despois de cada reconto, no patio, “antes de romper a fila cantabamos a Internacional. Sabiamos a canción, si… pero non podiamos declarar que éramos comunistas, que era polo que nos meteran presos”. 

A visita de hoxe, a primeira desde un roteiro organizado no 2011 grazas a mediación do goberno municipal, debería ser o primeiro chanzo cara a rehabilitación e a resignificación do espazo (segundo a terminoloxía das Nacións Unidas) como un lugar de convivencia e lembranza das vítimas daquela e doutras moitas represións e crimes contra a humanidade.  
 

A Coruña abre as portas do vello cárcere