Entrevista de Galicia Confidencial a Xulio Ferreiro, Alcalde da Coruña
“Se as cousas van ben, o normal sería optar a unha reelección”
Xulio Ferreiro asume o protagonismo da Marea Atlántica na configuración de En Marea, pero desbota que Luís Villares sea o seu tapado. Neste entrevista, o alcalde da Coruña tamén avalía as relacións co PSOE, coa prensa local e coa Xunta. A Renda Social Municipal e o retroceso da confluencia nas últimas xerais son outros dos temas desta conversa.
Fonte: Galicia Confidencial | 31/08/2016 |
Luís Villares é o candidato de En Marea. Cando se confirmou a noticia Alberto Núñez Feijóo dixo que cómpre facer unha reflexión sobre a incorporación de xuíces a política, como é o caso de Villares e tamén o seu. O presidente da Xunta lembra que Villares, na súa condición de maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, interveu en preitos da Xunta …
Feijóo non facía esa reflexión cando os xuíces se incorporaba ao PP. Curioso que só a faga cando ten en fronte a unha persoa, por certo de comportamento totalmente ‘intachable’, que é un candidato moi bo. Os xuíces mentres están exercendo a súa función teñen que gardar as prescricións legais, como fixo Luís, pero poden dar un paso diferente nun intre dado como fixeron moitos, coma eu e tamén noutros espazos políticos, sobre todo no PP. Ademais, cómpre lembrar que temos un presidente do Tribunal Constitucional, [Francisco Pérez de los Cobos] que foi militante do PP.
Non sería necesario un período no que un xuíz, despois de exercer, non puidese participar nun partido político?
Eu creo que non. O que ten que faer un xuíz é comportarse rectamente nas súas funcións xudiciais. Outra cousa é que Feijóo queira disfrazar os reveses xudiciais que tivo na Xunta e outras trapalladas, como as do concurso eólico, levantando sospeitas sobre un maxistrado; isto por certo é bastante grave.
Na configuración de En Marea os muncipalistas tomaron a iniciativa e, dentro dos municipalistas, a única marea urbana que goberna e tomou protagonismo foi a Marea Atlántica. Por que asumiron vostedes ese liderado?
Tivo que ver con crer nunha determinada metodoloxía de traballo que funcionou aquí nas municipais na súa configuración e fixo que esta marea unha serie de peculiaridades respecto a outras candidaturas municipalistas. Moitas veces dise, e non o digo eu, que a Marea Atlántica é a marea máis marea de todas. Isto ten que ver coa creación dun espazo de confluencia cidadá onde os partidos seguramente tiveron menos peso que noutras listas de mareas municipalistas; aínda que a marea de Pontevedra ou de Ourense si estiveron aí.
Iso convérteo a vostede no referente dese movemento?
Non creo.
Pero a nivel de rúa comeza a exister esa percepción. Por exemplo, na nosa sección paródica, no GCtoday cando falan dos alcaldes da confluencia, di que son os tres tenores, e deles vostede é o que leva a voz cantante ...
Entre os tres alcaldes temos moi boa sintonía, traballamos en pé de igualdade e nos respectamos mutuamente. Ese reparto de roles é máis cuestión dunha parodia política, que tenta sacar punta. Eu son alcalde da cidade máis importante da provincia e de Galicia en moitas cousas e iso sitúate como referente aínda que ti non o queiras. Pero os tres asumimos un papel moi activo na configuración da marea constituínte porque entendemos que os tempos así o requirían, requeríase a intermediación de persoas que non fosen discutidas por ninguén. Eu non son militante de ningunha organización políticas polo que ao mellor tamén é máis doado construír o consenso dende aí, aínda que tamén houbo momentos en que se me vinculou máis con Podemos. Supoño que é o que ten non estar exactamente en ningún lado, que en función do momento te vinculan con uns ou con outros.
Villares tampouco milita en ningún partido…
Claro, sendo xuíz non podía.
Creo que si estivo nos CAF, coma vostede … De onde saíu o nome de Villares?
De moitos sitios. Eu sinceramente coñecín esta posibilidade pola prensa, teño que recoñecelo.
É dicir, non foi cousa de Xulio Ferreiro…
Non foi cousa de Xulio Ferreiro. É certo que os dous somos xuíces e coincidimos durante tres anos en Lugo. Pero nese tempo creo que nin quedamos a tomar un café. En realidade, eu a Villares coñézoo pouco. Temos boa sintonía, pero antes de comezar a súa candidatura coincidín poucas veces con el. Unha vez que pasou isto, eu apoieino dende un principio para que se presentara e paréceme un magnífico candidato.
Pero non é un tapado de Xulio Ferreiro...
Non é o tapado de Xulio Ferreiro, creo que ás veces mediáticamente dáselle a un máis relevancia da que realmente ten.
Nas locais, a Marea Atlántica sumou o 30,9% e votos . Nas eleccións xerais do inverno de 2015, En Marea sacou o 31 %. O 26% para En Marea nas eleccións xerais de xuño de 2016. Son catro puntos menos das confluencias na Coruña nas últimas eleccións...
Eses resultados son extrapolables co pasou co conxunto do país, coa baixada de En Marea en Galicia ou de Podemos no Estado, incluso en lugares como Cataluña nos que foi a lista máis votada, onde tamén tiveron un baixón. A xente vota en clave diferente e polo tanto hai que interpretar de xeito diferente.
As mareas non comezaron logo o seu devalar?
Non, o que houbo foi unha desmobilización de decembro até xuño, pero seguramente foi por moitas cousas que non se fixeron ben.
Qué cousas?
Nas xerais moita xente botou por un cambio de goberno e sentiuse frustrada porque non foi así. Por certo, eu creo que nisto tivo máis responsabilidade o PSOE de Pedro Sánchez porque primeiro pactou con Ciudadanos poñendo mais difícil o pacto pola esquerda, pero en todo caso houbo moita frustración. E logo houbo unha serie de mensaxes en campaña que igual non foron os correctos, aínda que é doado falar a touro pasado.
Falando de política estatal, se ao final o PSOE no Congreso muda a súa postura e hai unha gran coalición, aínda que sexa de ‘tapadillo’, hai perigo para os gobernos do cambio que lideran as mareas co beneplácito do PSOE, como na Coruña?
O PSOE tivo claro sempre …, ben, non sempre, que tiña que ser unha alternativa ao PP porque se non non tiña razón de exisitir. Se o PSOE facilita cambios de goberno en concellos en favor do PP estaría contradicindo ese papel. A min resultaríame moi difícil de entender se finamente hai unha abstención, que está por ver, apoiase unha moción de censura aquí na Coruña, cando é o PSOE da Coruña o que nos está propoñendo unha relación mais estable.
Gustaríalle que entrase o PSOE no goberno local?
O funcionamento do goberno agora mesmo é estable e positivo. Necesitarimos ter unha relación máis estable co PSOE na Coruña, pero nestes intres unha coalición de goberno non está en axenda.
Como son as relacións co PSOE?
Son variables, houbo momentos mellores e momentos malos, como a negociación dos orzamentos. O PSOE aprobou os orzamentos despois de pactar co PP emendas por 10 millóns de euros e de darlle unha volta a moitas partidas, de introducir cousas en contra do criterio do goberno municipal e rebaixar partidas para o día ao día do Concello…
Por que cre que o PSOE adopotou esta táctica? Para marcar territorio?
As razóns non as sei. A negociación que se lle ofreceu ao PSOE foi moi xenerosa, admitindo o 60 ou 70% do que propuña . A nós o que se nos dixo foi: “ou o 100% ou nada” e así actuou o PSOE. Parece que aquí na Coruña as veces nestes meses se entendeu mellor co PP que con nós. Agora o PSOE nos está propoñendo un cambio nas relacións , clarificalas. Nós respondemos que nos parecía boa idea pero que temos que facelas dende unhas bases claras, asumir o rol de cada un, e que se desbote a ameaza permanente de pactar co PP. Sobre todo se pensamos no benestar da xente, a xente impórtalle pouco as nosas cuestións internas, de se te fago máis caso ou menos caso, de se te deixo saír na foto ou non. Por exemplo, temos un orzamento cada ano e sería bo que o aprobaramos a principios e non o que sucedeu este ano, que por dilatar unha negociación infrutuosa …
Vostede declarou recentemente que non lle gustaría, pero que igual se tiña que porse en plan localista, queixándose do trato que recibe…
Si queixándonos do trato que recibe A Coruña da Xunta de Galicia. Na Coruña temos unha actitude colaborativa coa Xunta e o trato non é bo.
Poña algún exemplo…
Hai uns meses cando nós fomos a reunirnos coa Consellería de Sanidade para tratar o tema do Centro de Saúde do Centro da Cidade, que neses intres era barallado para a rúa Federico Tapia, unha hora antes a Consellería se reúne cos membros do grupo do PP neste Concello, negocia antes con eles que con nós. Ben, iso paréceme … que o conselleiro de Sanidade vaia presentar un centro de saúde antes de falalo con nós, tampouco me parece leal; ou que despois de seis meses falando dese centro se nos diga que todo o que falamos non vale e hai que empezar a falar partindo de cero…
Segue habendo unha resistencia en certos sectores da cidade a asumir que unha confluencia de esquerdas goberna na Coruña?
Iso é algo superado. Despois de ano e medio non lles quedou outra que asumir que o goberno e o alcalde son os que son. É certo que as veces o PP nos trata como se non tivésemos dereito a estar aquí, pero cos sectores da cidade a situación está normalizada, con todo o mundo. Temos relación boa con todos, incluso as veces un se sorprende ler declaracións de promotores inmobiliarios dicindo que é máis doado falar con nós que con gobernos anteriores. Isto quere dicir que ao final non era a besta tan feroz como algúns a querían pintar.
Con quen non ten unha interlocución fluída é co Alcalde de Vigo, polo menos mediáticaemnte. Abel Caballero parece que ten unha teima en atacar aos alcaldes do cambio, aos que chama unha e outra vez calamidade. Por que cree que sucede isto?
Non sei por que , non teño maior relación con el e as dúas veces que coincidimos tivemos conversas absolutamente correctas . Non vou entrar nesa discusión. A estas alturas a rivalidade Vigo A Coruña está totalmente superada e dialogamos con normalidade, máis alá da competición amistosa en moitas cousas ,non só na futbolística. Eu non creo que o presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) deba facer este tipo de declaración, pero ese é o estilo de Abel, cada un ten o seu e o meu é diferente.
A mellora das relacións co PSOE a nivel local, ten que ver coa chegada de Xaquín Fernández Leiceaga a candidatura para a Xunta?
Pode ser que teña que ver. Non sei a causa é el persoalmente pero nas primarias houbo dous modelos. Un, que tende pontes coas mareas e o outro que era totalmente refractario. Eu supoño que a xente do grupo socialista na Coruña que apoiaron a Méndez Romeu, que foron a maioría pero non todos, déronse conta que ese modelo non era o camiño nin sequera dentro do seu propio partido e polo tanto que non nos beneficia a ningún a hostilidade, pero menos ao grupo socialista que votou a favor da investidura e ninguén se explicaría que logo pasara catro anos facéndolle a vida imposible a quen axudaron a investir …
A Coruña é a primeira cidade de Galicai que aprobou a Renda Social Municipal. É unha das súas promesas clave. En que consiste?
Ben, creo que en Santiago estana a implantado tamén. Consiste nunha prestación para todas as persoas que teñan insuficientes recursos económicos, toda recibirán unha prestación do Concello para poder cubrir as súas necesidades básicas de vivenda, vestimenta, manutención e transporte.
E canto gasto implica isto? Cantas familias se beneficiarán?
Calculamos un orzamento de tres millóns, dentro de 250 millóns de orzamento global. Creo que merece a pena se sen ten en conta o impacto . Estamos falando dunhas mil, ou mil e pico familias. Orzamentariamente, si se ven que son necesarias máis beneficiarios, faremos un orzamento maior o ano próximo.
Xa a nivel persoal. Nunha entrevista con GC o ano pasado, vostede dicía que non se vía fóra do Concello da Coruña, ao fío da especulación de quen sería o candidato para a Xunta...
E non vou á Xunta.
Pero tamén expresaba dúbidas sobre canto seguiría en política. Mudou algo a súa postura sobre o seu futuro político?
É certo que neste ano especulouse de que eu puidese ser o candidato e houbo moita xente que o pediu directamente, pero a min nunca me pareceu serio levar menos de catro anos nun cargo e postularse para outro. Eu dixen que ía cumprir o meu compromiso cos veciños da Coruña e cumprireino. Parece raro que un político cumpra o que promete? Eu teño por costume facelo. Eu sígome vendo igual, isto é unha etapa da miña vida, se as cousas van ben o normal sería optar a unha reelección, pero ben, tereino que analizar no seu intre porque dende o punto de vista persoal e familiar a situación é dura porque hai que ter unha pel moi especial para aturar isto.
Ser alcalde é máis duro persoalmente do que esperaba?
É duro por que un ve menos a familia, está exposto publicamente, a exposición pública é complicada. A actitude de certos sectores non axuda, porque a familia lee esas cousas na prensa e sofre, pero creo que tamén co tempo un vai facendo coiraza.
Fala do que publica a prensa. A Coruña ten uns xornais que manteñen históricamente unha liña editorial moi conservadora. Como son as súas relacións con eles?
Eu respecto o traballo da prensa. Cada un decide a liña editorial que quere ter. Nunca critiquei a liña editorial de ninguén e non o penso facer. Cada medio mira as cousas cun cristal diferente. Como lector, e dígoo como lector, paréceme moi curioso que ao ler sobre un mesmo asunto en dous medios diferentes pareza que vivamos en dúas cidades distintas.