#CuacResiste | Comunicado

A Xunta de Galicia, contra o dereito a comunicar das persoas galegas

O pasado 7 de febreiro o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou a Cuac FM a dilixencia pola cal a Xunta de Galicia anuncia a preparación dun Recurso de Casación contra a sentenza 00507/2018 deste Tribunal, favorable a Cuac FM.

A Xunta de Galicia, contra o dereito a comunicar das persoas galegas
Casación
Casación

Dito noutras palabras, a Xunta recorreu ante o Tribunal Supremo unha sentenza do TSXG que garante o dereito á comunicación desta emisora comunitaria e na que se recoñece unha garantía temporal de emisión en frecuencia modulada de Cuac FM.

A devandita sentenza que a Xunta pretende recorrer ante o Tribunal Supremo, recoñece a violación dos dereitos fundamentais de Cuac FM e o seu dereito a emitir, e deixaba sen efecto as ameazas de sanción en caso de voltar á FM, coma de xeito fixemos o 1 de novembro, sentenza que foi ditada unanimemente por catro maxistrados, tendo en conta o informe previo da fiscalía.

A través deste comunicado, Cuac FM quere trasladar á cidadanía a súa consternación ante a preparación deste recurso, que pon de manifesto unha persecución por parte da administración ante un medio comunitario, sen ánimo de lucro, que leva 23 anos exercendo unha actividade asociativa e educadora.

Cuac FM non comprende as motivacións para que unha administración empregue recursos públicos para anular unha sentenza expansiva dos dereitos fundamentais da cidadanía.

En segundo lugar, tampouco comprendemos que beneficios para a cidadanía galega e coruñesa se derivarían da desaparición de Cuac FM do dial, que é o único efecto que este recurso ante o Tribunal Supremo podería chegar a acadar.

Esta acción é de todo irracional, en canto a propia Xunta recoñeceu por escrito no seu día que Cuac FM leva máis de 20 anos emitindo na frecuencia modulada de boa fe, sen ánimo de ocultación, e sen recibir advertencia algunha por parte da Administración, que non existen terceiros prexudicados e que carece de ánimo de lucro.

Así as cousas, que dano causa Cuac FM para que se emprenda un recurso nada menos que ante o Tribunal Supremo co único obxectivo de eliminala do dial coruñés?

Tristemente non cabe outra explicación plausible que a persecución, non a CUAC, que ao cabo é continxente, se non á propia comunicación comunitaria, recoñecida internacionalmente coma unha ferramenta útil contra os discursos do odio, a posverdade e as fake news, favorecedora do diálogo intercultural e interxeneracional, e propiciadora de comunidades máis harmónicas e diversas.

A única interpretación que cabe é a de que se está a atacar toda unha escala de valores e liberdades, recollidas nas declaracións internacionais de dereitos humanos e tamén na Constitución Española.

Cuac FM non vai recuar. Nestes tempos nos que sopran ventos de involución predemocrática non podemos senón estar á altura das circunstancias e manter a nosa posición, garantindo o dereito a comunicar de todas as coruñesas e coruñeses a través da frecuencia modulada, porque é grazas a vós, e é por vos que #CuacResiste.

A Xunta de Galicia, contra o dereito a comunicar das persoas galegas