Axenda cultural

A Fundación Luís Seoane abre as súas portas ás últimas tendencias en música electrónica

O museo coruñés acolle o próximo día 23 de novembro o 2º Encontro de Síntese Modular da Coruña
A Fundación Luís Seoane abre as súas portas ás últimas tendencias en música electrónica
Modulartec
Modulartec

O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou hoxe en María Pita o 2º Encontro de Síntese Modular da Coruña, Modulartec, que se realizará o próximo 23 de novembro na sede da Fundación Luís Seoane. O acto contou coa presenza da directora da fundación, Silvia Longueira e o responsable artístico do evento, Juan de la Colina, quen destacou que, tras o éxito da primeira edición, Modulartec consolídase apostando por "novas cuestións relacionadas coa composición e a creación musical electrónica con sintetizadores".

Deste xeito, tal e como sinalou o edil de Cultura, a música electrónica sairá dos circuítos habituais e a cidadanía coruñesa terá a oportunidade de escoitar as últimas tendencias en música electrónica. Nesta ocasión, a xornada abordará como "os sintetizadores de antes e os de agora conformaron e conforman unha linguaxe propia" e, ao mesmo tempo, servirá para "dar un empuxe a unha música cuxos sons van máis aló do comercial", explicou o concelleiro.

Jesús Celemín sinalou que o evento traerá á cidade músicos internacionais, como o alemán Jan Jelinek, e figuras locais como Francisco Parga e Suso Flores que "intercambiarán opinións e reflexionarán sobre o seu traballo" mentres que as persoas espectadoras gozarán de novos sons nun evento diferente que sitúa A Coruña nun circuíto internacional de músicos e creadores amantes da música, xa que se poderá escoitar desde música clásica ata a máis experimental.

Juan de la Colina quixo destacar que a proposta que presentan "é máis radical e abandona os sons das pistas de baile para abrir un diálogo máis cosmopolita co público" e lembrou que esta iniciativa que realiza a súa segunda edición ten xa unha longa tradición na cidade.

A primeira vez que os sons electrónicos se escoitaron na fundación fixérono en 2005 co nome de Block Party que pasaría a ser Artec, un festival que axuntaba a arte audiovisual e a música electrónica.

De la Colina destacou tamén a participación de Franciso Parga, un profesor de música de 80 anos moi coñecido na cidade, que será o encargado de impartir unha charla no salón de actos da fundación ás 19.30 horas, mentres que a música encheráo gran vestíbulo do museo ata as doce da noite.

Pola súa banda, a directora da fundación, Silvia Longueira, explicou que Modulartec forma parte da programación da fundación que busca achegar ao público coruñés todas as músicas contemporáneas. Anunciou ademais que o museo acollerá en decembro o programa Escoitas, unha aproximación á musica contemporánea clásica da man de diferentes compositores e artistas. E, no mes de maio, dentro da semana dos museos realizarase o festival Resis, un punto de encontro próximo e aberto entre creadores e público, no que converxen a música e a creación de vangarda.

A Fundación Luís Seoane abre as súas portas ás últimas tendencias en música electrónica