Xornalismo

A investigación xornalística como servizo público: charla con Lara Graña, de Faro de Vigo

O luns 11 de novembro, Lara Graña, recoñecida xornalista de investigación, abordará o papel da prensa na fiscalización de casos de relevancia, desde a crise de Pescanova ata os abusos no CSIC.
A investigación xornalística como servizo público: charla con Lara Graña, de Faro de Vigo
Lara Graña
Lara Graña

O vindeiro luns 11 de novembro, ás 19.30 horas, a Asociación Cultural Alexandre Bóveda, acollerá unha charla fundamental para o ámbito xornalístico e cidadán. Lara Graña, recoñecida profesional do xornalismo económico e marítimo, falará sobre a importancia da investigación xornalística como ferramenta de servizo público. A xornalista compartirá a súa experiencia no tratamento de casos de grande relevancia e impacto social, como a crise de Pescanova e os recentes casos de abusos sexuais no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Lara Graña, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, exerce esta profesión desde 2008, dedicándose especialmente á cobertura de noticias económicas e do sector marítimo. Ao longo da súa traxectoria, Graña investigou casos complexos e de alto interese público, como a crise das empresas Pescanova, Hijos de J. Barreras, Hiperxel, así como o tráxico naufraxio do pesqueiro Villa de Pitanxo e situacións de acoso laboral no CSIC. É coautora do libro Chapapote, galardoado co premio nacional Cepesca, e foi a única finalista galega nos IV Premios Internacionais La Buena Prensa. Na actualidade, Graña é redactora xefa de economía no Faro de Vigo, medio que lle ofreceu respaldo na súa labor de investigación.

Durante a charla, a xornalista incidirá na importancia do apoio dos medios editores, os lectores e as fontes, elementos indispensables para levar a cabo un traballo de investigación rigoroso e valente, especialmente cando se enfronta a intimidacións e presións. A súa experiencia amosa que a investigación xornalística exercida desde Galicia pode ser tan influyente e reveladora como a realizada por grandes corporacións mediáticas.

A cita promete ser unha oportunidade única para coñecer de primeira man os desafíos e recompensas que supón a labor investigadora na prensa galega, así como a súa relevancia para a transparencia e a xustiza social.

A investigación xornalística como servizo público: charla con Lara Graña, de Faro de Vigo