Crónica dunha remontada improbábel – capítulo 7

Ambición

O Dépor suma en Alcorcón o sexto triunfo con Fernando Vázquez, o sistema defensivo consolídase e a segunda unidade de dianteiros dispón de minutos nun día de probas.
Alcorcon 5
Koné celebra o gol en Alcorcón. Fotos: @RCD

O fútbol é tan rico que ás veces divide mesmo o cronista. Non é a primeira vez que nos sucede: o debate sobre Mollejo (se é unha solución circunstancial ou unha descuberta do adestrador) durará até o remate da tempada. Onte, despois do partido en Alcorcón, Estévez, a parte que bebe da análise de fútbol en base a paradigmas que van mudando coas modas, quería titular este relato Día de probas, un tanto decepcionado polo escaso brillo dunha vitoria conquistada con suor e con sorte, sostiña, no tempo engadido. Piñeiro, que coñece os fíos invisíbeis do fútbol e sempre está atento ás mensaxes que vai deixando Fernando Vázquez, reclamou un punto de vista diferente.

“O fútbol non é táctica, señores; é estratexia”, afirmou o adestrador no principio da semana nunha conversa en Vimianzo. 

Un punto de vista interesante, señoras e señores. Cómpre ter claro o obxectivo. Un cero a cero na xornada vinte e oito en campo dun rival directo na carreira pola permanencia non é un mal resultado… tacticamente.

Mais o obxectivo é claro: hai que gañar partidos. Eran 12 hai un mes. Hoxe son 6.

Un equipo que adquire o costume de gañar quere seguir gañando, e se ademais ten o obxectivo de gañar, non se conforma cun empate. “Non se gañan seis partidos seguidos pola sorte”, subliñou FV despois do encontro.

Pensar o fútbol desde a estratexia é pensalo con luces longas. Non se gañan seis partidos pola sorte nin se rescata o espírito dun club que se sente grande só con palabras nin se convence aos xogadores de que son igual de bos ca os mellores se non se lles ofrece un plan críbel, e ese plan existe. Estratexia. 

Táctica

Alcorcon 2Haberá quen se queixe da táctica, dun debuxo defensivo, da esixencia de ter once xogadores concentrados cada minuto en gardar a portería propia, de que iso dificulta até o máximo a capacidade do despregue ofensivo, e mais se na punta falta o nove, Merino, capaz de descolgar balóns para estirar o equipo. E hai que recorrer a Koné para a punta do ataque. Ben mirado, despois de cinco vitorias consecutivas, o día podía servir ademais para probar xogadores que é preciso rodar para ampliar o repertorio ofensivo do equipo.

Mais Fernando Vázquez e o Dépor foron a Alcorcón co obxectivo claro: sumar os tres puntos. Por iso no minuto 67 os cambios de Aketxe e Çolak por Vallejo e Keko obedeceron a algo máis que a necesidade de dar minutos a dous extremos que serán imprescindíbeis (veremos en que medida serán utilizados) para mudar o rexistro de ataque que poden ofrecer Aketxe e Çolak.

Os cambios non melloraron o ataque do Dépor (Vallejo e Keko acaban de chegar e o equipo tampouco ensaiou automatismos de contragolpe), pero si impediron ao Alcorcón, atrofiado xa polo centro, abrir vías polas bandas.

Tamén na táctica do día gañou a partida FV.

Sufrir ao principio e ao final

O Dépor empeza a ser recoñecíbel, é dicir, sistemático. Sofre no comezo dos partidos, porque deixa a iniciativa ao rival (parte do plan); e sofre nos finais para manter o conquistado porque o desgaste é notábel. 

Onte empezou defendendo da peor das maneiras: despexando balóns sen ser quen de superar a presión do Alcorcón. A diferencia entre unha mala e unha boa defensa é que esta recupera o balón e obriga ao rival a repregar. Mais durante vinte minutos, sobresaíron os defectos do Dépor, os de Montero para sacar o balón e as dificultades de Çolak e Mollejo para cubrir as costas. O Alcorcón apertou moi adiante e nin Peru (impreciso todo o partido) nin Gaku acertaron a iniciar unha transición. Çolak foi o único fío co ataque na primeira parte. Giménez e os centrais (Montero fixo o seu mellor partido nesta faceta) sostiveron a defensa neses minutos.

Empezou defendendo da peor das maneiras: despexando balóns sen ser quen de superar a presión do Alcorcón. A diferencia entre unha mala e unha boa defensa é que esta recupera o balón e obriga ao rival a repregar.

Pero no minuto vinte, outra vez os laterais conseguiron trazar un contragolpe que, con Çolak polo medio, a piques estivo de resolver en gol Eneko (como a semana anterior en Riazor). O Dépor deu un paso adiante, recuperou algún balón e Koné empezou a entrar en xogo. Giménez salvou un disparo de Stoichkov no 34, pero o Dépor viviu sen problemas até o descanso e a dinámica continuou nos inicio da segunda metade na medida en que Aketxe e Gaku medraban ao redor da pelota.

Alcorcon 4Cumprida a hora de partido, Çolak pareceu colapsar e FV pensou que era o momento de cambiar o deseño cun movemento que reforzase a confianza do equipo. Así que se lanzou a polo partido sen mover unha soa peza na defensa. Fose unha proba, fose unha sutil manobra para lle proporcionar osíxeno á defensa, ou un intento de aproveitar as tres ou catro carreiras que podían ofrecer Vallejo e Keko, o caso é que resultou ben de calquera forma.  

A ambición, pensa Vázquez, é o camiño máis curto até o obxectivo de gañar, tamén o máis perigoso, certo. Mais só importa gañar. 

Balón parado

O gol chegou a balón parado, como a metade dos que leva conseguidos este Dépor. Cun pouco de sorte, claro: a que se necesita para anotar, sexa no minuto 1 ou no 91. O gol premiou o sacrificio de Koné, o debut dos extremos con futuro, o atrevemento táctico de Vázquez, e encamiñou a aposta dun equipo que recupera autoestima.

Alcorcon 3Mais o gol non importa (agora) tanto como manter a portería a cero. Naquela charla de hai unha semana en Vimianzo, FV deixou outro apuntamento. Os porteiros e os defensas revalorizáronse no fútbol de hoxe porque a defensa dá puntos. Non encaixar dá 1,5 puntos de media ao final dunha liga, din as estatísticas que miran os estrategas.  

O Dépor de FV (xa se pode chamar así) vaise definindo desde a defensa. E os deuses do fútbol volven sorrir cara Riazor, porque non se xoga atendendo os paradigmas establecidos, os fíos son máis fondos. Hai que coñecelos ou prestar oído cando fala Vázquez.
  

A ficha do partido

#ResisteDéporResiste