CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 11
Arsenio, pai da cidade
Arsenio Iglesias Pardo (Arteixo, 30 de decembro de 1930) fai parte da historia da Coruña desde moito antes de que onte, o Concello, lle fixese entrega da distinción de fillo adoptivo da cidade da Coruña. En realidade, aos oitenta e nove anos, Arsenio é un pai para a Coruña, para todas aquelas e aqueles que, gusten moito ou nada do fútbol, aprenderon a amar o Dépor porque toparon nel un motivo de orgullo.
Arsenio foi o gran catalizador daquel arrebato de gloria dun club humilde pero con raíces fondas no fútbol que puxo A Coruña no mapa moitos anos despois de que Chacho, Acuña, Luís Suárez ou Amancio colgaran as botas. Mesmo moitos anos despois de ter el empezado a adestrar o Deportivo… Arsenio foi o preparador nas tempadas: 1970-71, 1971-72 , 1972-73, 1982-83, 1983-84, 1984-85, 1987-88, 1988-89, 1989-90, 1990-91 e 1991-92. Despois de que o equipo salvou a categoría en Primeira División na promoción, no verán de 1992, Augusto César Lendoiro fichou Bebeto e Mauro Silva e cambiou a historia do club. Arsenio dispuxo de xogadores para formar un equipo gañador, e creouno, desde a humildade, o sentidiño.
A tempada 1993-94 rematou co penalti errado por Djukic, pero no verán de 1995 o Dépor levantou a Copa en Chamartín.
Arsenio despediuse do Deportivo cun currículo de 566 partidos. Ninguén adestrou máis anos e produciu un impacto máis fondo no club e na afección que el.
Pode ser casualidade que este recoñecemento da institución municipal a Arsenio Iglesias chegue cando dirixe o equipo un confeso discípulo del, Fernando Vázquez, que está embarcado nunha desas travesías épicas que son asento da historia dos grandes clubs de cidades pequenas.
Arsenio, acompañado da súa familia, recibiu o cariño dos representantes da cidade no salón de plenos. Non falou porque, como explicou seu fillo, estaba moi emocionado e a súa idade aconsella prudencia e non someterse a emocións fortes.
Arsenio é un tótem para a tribo. Un deus para o fútbol galego, ese que necesita reunir seus mitos e empezar a sentir que é. Decotío os fíos do fútbol andan por aí, esparexidos. Máis ás veces tecen nós como por casualidade. Arsenio é un desde nós que lle dá sentido a esta historia.
Amémolo como se debe amar un pai.