Inclusión
O Concello programa distintos actos polo Día Mundial da Despatoloxización Trans
A Casa Museo Casares Quiroga acollerá a exposición `Referentes Trans´ e no Centro Cívico da Cidade Vella terá lugar este venres a xornada de conversas e debate `Realidades Trans´ para abordar as diferentes demandas do colectivo
A Coruña, 26 de outubro de 2020.- A Concellería de Benestar Social, Igualdade e Participación presentou o programa para a visibilización da situación das persoas Trans e das súas demandas con motivo do Día Mundial da Despatoloxización Trans. Os obxectivos principais destas accións son poñer o foco de atención nas demandas que estigmatizan o colectivo Trans: a retirada dos manuais diagnósticos da clasificación dos procesos de tránsito entre xéneros como trastorno mental, o recoñecemento legal de xénero sen requisitos médicos, o acceso a unha atención sanitaria trans específica publicamente cuberta, a depatoloxización da diversidade de xénero na infancia, así como a protección contra a transfobia.
No marco da programación municipal, o Centro Cívico da Cidade Vella acollerá o vindeiro venres, 30 de outubro, dende as 17.00 horas, a xornada de conversas e debate `Realidades Trans´ para abordar as diferentes demandas do colectivo nos distintos ámbitos da vida como o laboral, o educativo ou o sanitario. A xornada de charlas contará coa participación de Miguel Vieito, Helio Marcial Miramontes, Daniela Ferrández e Kaia Baena. A inscrición poderase formalizar no teléfono 981 189 885 até o mesmo día do evento ou ata completar a capacidade.
A efeméride completarase na Casa Museo Casares Quiroga coa exposición `Referentes Trans´ que busca visibilizar, dar exemplo e empoderar as persoas Trans a través da biografía de diversos referentes do colectivo.