CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 4

Sísifo en Riazor

O Dépor gaña con fortuna en Albacete (0-1) e despois de catro meses sae dos postos de descenso. Vázquez leva catro vitorias seguidas, mais trata de conter a euforia e non mira a clasificación. “Quedan por sumar oito vitorias máis”, insiste.
Sísifo en Riazor
Mollejo. Albacete. 26.01.20. Foto RCD (1)
Mollejo, onte no Carlos Belmonte. Fotos: RCD e somosdepor.

O Dépor xogou en Albacete o mesmo partido que leva xogando desde que Fernando Vázquez volveu tomar o mando do equipo. E seguirá. É un partido longo, unha escada empinada cunha pedra pesada ao lombo. Sufrindo, desfalecendo, caendo e poñéndose en pé. O que pasou antes non importa, o que vén está escrito. Dor, incerteza. Sísifo en Riazor. 

“Tomamos a determinación de non aceptar a derrota”, avisou Fernando Vázquez antes do partido. É unha forma valente de dicir o que calquera adestrador sabe: ao final sempre está a derrota. Por iso a calma antes de cada batalla, sexa na caldeira de Riazor ou no inhóspito Carlos Belmonte. Por iso a audacia na aliñación.

Vázquez sabe que calquera domingo tocará perder. E por iso calquera domingo é bo para facer probas. Onte, con Uche, Çolak e Mollejo. O nixeriano non tivo presenza nin gobernou nunca o medio campo. Está en período de adaptación. Mais non queda outra que darlle minutos. Con Çolak sucede algo parecido. Precisa minutos para mellorar. O caso de Mollejo foi un premio e un experimento. Mollejo merecía un posto no once despois do partido contra o Cádiz. Tamén está por ver se pode cumprir unha misión precisa: onte, fechar unha banda e descolgarse en ataque. Será un axitador, outro perfil interesante.

As probas individuais saíron mal, mais non afectaron o plan xeral. O partido longo…

“A derrota é unha rutina fácil de levar, non hai que facer nada para perder; gañar esixe traballo, concentración, gañar é durísimo”, vén advertindo Fernando Vázquez. E volveu dispoñer unha liña de cinco defensores e catro centrocampistas. Orde e paciencia. Un muro diante de Giménez e ás costas de Sabin. O porteiro e o nove, dous especialistas. O principio e o fin dun plan que depende en boa medida da súa fortuna, unha ruleta por moito que haxa estatísticas. Giménez e Sabin están en mans dos deuses do fútbol, un día sairá cruz… e chegará o momento da proba de fe. Onte saíu cara.

Uche. Albacete. 26.01.20. Foto RCDAs estatísticas din que o Albacete disparou 20 veces o balón á portería, incluíndo un penalti. E din que Merino é o primeiro nove que chega ao Dépor e marca nos seus tres primeiros partidos. Antes fíxoo Bebeto. En realidade, o Súper Dépor de Bebeto e este Dépor de Merino son puntos dunha mesma corda. Lembren, é o mesmo partido, o partido longo… hoxe abaixo, sufrindo. Toca subir. Gañar é durísimo.

Malia as probas, parece que hai certas cousas que se van asentando. Os tres centrais: Mujaid, Somma e Montero; e Gaku no medio campo. Algo terán que ver en que o Dépor de Vázquez teña encaixado só un gol en catro partidos.

Onte o Dépor tardou apenas 15 minutos en sacudirse a carga inicial do Albacete. Despois, Aketxe estirou o equipo a balón parado. No tramo final da primeira parte os branquiazuis pisaron a área rival e así chegou o tanto de Merino nun rebote afortunado. O decisivo é que o equipo vai tecendo un fío entre a saída do balón, Aketxe e Merino, un mecanismo para chegar arriba.

Gañar é durísimo. Iso está na memoria do Dépor, empapa o ambiente branquiazul. O fútbol é unha montaña e a historia é a pedra que levas ao lombo, como un Sísifo trasplantado a Riazor. Non se admiten as comparacións de Aketxe e Merino con Valerón e Tristán: son dous momentos do mesmo longo partido, comparten esa nosa épica.

O decisivo é que o equipo vai tecendo un fío entre a saída do balón, Aketxe e Merino, un mecanismo para chegar arriba.

Este Dépor ademais ten paciencia, a paciencia que adoitan ter os equipos seguros do seu plan. Cando se descompón a orde ou o rival empuxa máis forte, como aconteceu no inicio e no remate da segunda metade, o Dépor resiste, xogando mal ou sen xogar. Desta volta, sen o ar da afección, Vázquez viuse máis apurado. Bergantiños entrou por Uche e Luis Ruiz por Mollejo en canto os titulares colleron tarxeta e completado o día de probas.

Merino. Albacete. 26.01.20. Foto SomosDeporO Dépor puido matar o partido nunha contra que non acertou a resolver Beauvue. E acabou suando e tremendo polo VAR. Mais os deuses están nesta historia de parte de Fernando Vázquez e dos branquiazuis, leven raias horizontais ou verticais, entendan ou non que o seu destino e volver perder, e levantarse, e volver caer, que esa é a liña entre Bebeto e Merino, os que foron e os que veñan… Só así se explica, se é cousa que precise intentar unha explicación, que o balón que pegou en Merino acabase na rede e que o balón que golpeou no costado dun defensa non acabase na man por centímetros enfrontando así a Giménez a un imposíbel segundo penalti. Son os deuses xogando co Dépor. Vento nas velas.

E Vázquez moendo hoxe a fortuna, os designios, coidado coa euforia e cos cantos de serea… a promoción a nove puntos. Non. Non importa a liga, só importa gañar oito partidos máis e farase longo, insiste o técnico, un sabio na liña dos sabios que intúen que os deuses divírtense xogando cos soños dos homes e, ás veces, crueis, fan que se cumpran.

Mais os deuses están nesta historia de parte de Fernando Vázquez e dos branquiazuis, leven raias horizontais ou verticais, entendan ou non que o seu destino e volver perder, e levantarse, e volver caer, que esa é a liña entre Bebeto e Merino, os que foron e os que veñan…

A ficha do partido

#ResisteDéporResiste

Sísifo en Riazor