CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 25
En defensa de Fernando Vázquez (e deste Dépor)
Este Dépor que hoxe non depende de si mesmo para manterse na categoría foi o segundo mellor equipo da segunda volta.
Este Dépor de Fernando Vázquez leva sumados 33 puntos nas últimas 20 xornadas de competición, nas que superou o Cádiz e o Huesca, que ascenderán, e outros 18 equipos da categoría. Só o Tenerife presenta hoxe mellores números.
Este Dépor que na xornada 21 (final da primeira volta) estaba a 7 puntos da última praza de salvación ocupada daquela polo Lugo, está hoxe a 1 só punto...
Mais xa non depende de si mesmo e esta circunstancia, inesperada hai apenas quince días cando o Dépor estaba tres puntos por riba do descenso, condiciona moitas lecturas sobre a situación a día de hoxe, algunhas completamente inxustas como as que cualifican a Vázquez como “efecto gaseosa” e sinalan os xogadores como “indolentes” (La Voz de Galicia, onte domingo).
Artigos como ese non se entenden desde unha óptica puramente xornalística nin se sosteñen desde ningunha análise racional.
Os autores coñeceran as súas motivacións e o obxectivo que perseguen. O texto é simplemente bazofia.
Diante de quen coñece e adora o fútbol e valora con datos, intelixencia e boa fe o desempeño de equipos e adestradores non é preciso unha reposta en defensa de Vázquez e deste Dépor que hoxe pode rematar a tempada nun fracaso: o descenso.
A defensa é necesaria fronte artefactos dirixidos o consumo de afeccionados desencantados e que buscan culpábeis inmediatos contra os que descargar o seu enfado. O xornalismo bazofia (que abonda moito máis dos medios que hai para identificalo e denuncialo) produce estes artefactos con intencións que se agochan ao seu público.
A defensa é necesaria fronte artefactos dirixidos o consumo de afeccionados desencantados e que buscan culpábeis inmediatos contra os que dirixir o seu enfado.
A continuación expoñemos algúns logros de Fernando Vázquez e deste Dépor na segunda parte da tempada:
O rendemento de xogadores como Aketxe, Gaku, Mollejo, Bergantiños e, en xeral, todo o cadro, mellorou desde que Vázquez e o corpo técnico se fixo cargo do Dépor en decembro pasado.
A táctica, a disposición inicial do equipo para cada encontro, é froito dunha análise tanto do estado das forzas propias como das do rival. É a decisión máis difícil que ten que tomar o técnico. Non sempre acerta, ou o técnico contrario acerta máis... Non se lle pode negar a Vázquez variedade, audacia, intelixencia e acerto.
Vázquez reconstruíu tacticamente o equipo desde o principio, cando as debilidades eran moi evidentes (especialmente no estado anímico), e elevou o seu nivel competitivo a base de extraer fortalezas. Sempre condicionou a táctica o resultado, como fai calquera adestrador: xoga coas súas mellores armas en cada circunstancia.
Cambiar a disposición no campo na metade do partido e que o equipo mellore é signo de bo adestrador. Ler os partidos é unha cualidade imprescindíbel nun adestrador de elite, cambiar os partidos é signo de valentía.
Os números din que xogou ben esas armas. Gañou o 55% dos puntos en disputa (só o Tenerife ten mellor porcentaxe nesta segunda volta) e equilibrou a balanza de goles encaixados e anotados (24).
Gañase ou perdese -e isto foi especialmente notábel nesta fase de once partidos sen público- o Dépor acabou a maioría dos partidos atacando ou creando, á contra, máis ocasións co rival. Esa ambición susténtase nunha boa condición física, anímica e táctica. Ningún xogador lle discutiu a Vázquez o seu traballo nesas tres facetas.
Este Dépor de Fernando Vázquez gañou máis que perdeu, xogou mellor ca maioría dos equipos nesta segunda volta, sufriu lesións de xogadores importantes (a baixa de Peru foi ben cuberta, pero para a de Uche, despois dun desempeño excelente do medio centro, non houbo recambio), botou de menos Riazor como poucos equipos (porque poucos poden encher con 25.000 persoas o seu estadio)... o Dépor de Vázquez tivo sorte e mala sorte, como calquera outro, malas e boas arbitraxes, como calquera, e se finalmente descende ninguén poderá dicir que foi inxusto, porque o fútbol é a suma de moitos factores ao longo dunha tempada, pero tampouco ninguén poderá dicir que Fernando Vázquez e os seus xogadores durante esta segunda volta non fixeron máis que ninguén neste Dépor 2019-20 por salvar a categoría.
Nota 1: esta lectura non cambiará co resultado desta noite, isto é fútbol, hai que ser serios e gozar do xogo.
Coda
Hai quen odia a Vázquez polo seu cariño polo club e ter un corazón branquizul de grada de fondo, polo seu gosto pola canteira criada sobre a memoria dos lameiros, pola súa ilusión de que o fútbol galego siga construíndo a súa propia historia neste xogo... Nós adorámolo por todo iso.