CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 21

O Dépor goberna a (súa) Liga

Un Dépor arrebatado remonta e domina diante do Huesca, e volve sufrir nunha segunda metade onde a fatiga aconsellou prudencia. O obxectivo está próximo: o equipo fica a unha vitoria dos 51 puntos.
O Dépor goberna a (súa) Liga
DeporHuesca 5dexullo Riazor (1)
Aketxe, Santos e Bergantiños celebran o gol do '9'. @RCD

Aketxe anotou un gol fabuloso e o Dépor medrou de súpeto dous palmos para elevarse por riba do Huesca nun Riazor baleiro que xa non é unha carga para un equipo que se acubillou na grada para renacer. E hoxe, seis meses despois, camiña pola Liga dos estadios mudos como un cacique a cabalo, orgulloso e impoñente. 

Aketxe soltou a zurda, cravou o coiro na rede desde vinte e pico metros e deixou claro que o Dépor goberna a (súa) Liga. Tres vitorias e catro empates desde que se retomou a competición, e un fútbol en progresión desde aquel 4-0 en Almería no mes de febreiro. Visto o visto, parece que lle sentou ben a suspensión e o novo escenario.

En realidade, parece que a formula Vázquez precisaba tempo. Despois dalgunhas dúbidas sobre o debuxo, o partido en Elxe demostrou que o equipo é máis sólido cunha liña de tres centrais. Bergantiños asentouse no eixo, e Mujaid e Montero crecen amarrados ao capitán.  

O Dépor que triturou á Ponferradina e o Tenerife goberna os partidos desde a humildade dunha defensa de cinco e un medio campo cosidos con pezas doutros traxes. Case ninguén está no “seu sitio”, pero todos resolven nese sitio. Por exemplo Eneko, cando ten que tomar o centro porque hai que adiantar Bergantiños porque xa non queda outro que substitúa a Valle que empezou a xogar de medio centro hai tres partidos e anda aprendendo o oficio, ás presas, porque non hai outro, lesionados Uche e Peru, que é central, con espírito de organizador, como Bergantiños. 

Neste Dépor apurado, flexíbel e xa notoriamente canso, só o porteiro sabe que acabará o partido na posición que comezou.

Huesca 1Polivalencia é a fórmula improvisada cando a necesidade aperta. Mais o do Dépor é outra cousa: é pluriemprego, petar nos límites técnicos, físicos e psíquicos de cada peza, un Lego que se reconstrúe cada xornada, cubeta de laboratorio… Calquera día destes cae o palabro: resilencia. Atentas.

Neste Dépor apurado, flexíbel e xa notoriamente canso, só o porteiro sabe que acabará o partido na posición que comezou. O porteiro e Aketxe… porque o dez vasco ten un terreo propio, eses carreiros que os elixidos abriron un día, ese fútbol que se ve-ou non se ve, pero non se explica.

Aketxe soltou a zurda e trouxo o partido onde quería o Dépor.

O Huesca saiu gañador no intercambio inicial e deu en dominar o centro do campo exhibindo poderío físico. O mesmo do que tirou Rafa Mir para adiantarse a Mujaid e vencer a Dani Giménez. O Huesca parecía mellor mesmo cando os branquiazuis se estiraron e Santos ameazou a meta de Álvaro Fernández antes de que aparecese a zurda de Aketxe.

Empurrou o Dépor para tombar o Huesca antes da pausa do minuto 30. Gaku, Valle e Mollejo, un medio campo lixeiro para gardar as costas do dez, gañaron o balón e meteron o rival atrás. Álvaro Fernández freou o Dépor até onde pode facelo un porteiro, porque a chilena de Santos xusto despois da pausa era imposíbel para calquera. Santos comezou e rematou a xogada. Recibiu de costas en campo propio, abriu a unha banda e correu para esperar o centro no bordo da área pequena.   

Santos ten gol, e con Aketxe descargando desde a frontal, o repertorio branquiazul amplíase e fai do Dépor un equipo temible en ataque. Xa non espera pola experiencia Sabin ou as aparicións de Mollejo. O gol flúe. E chega cando se precisa, ultimamente a través de Santos e Aketxe.

Santos ten gol, e con Aketxe descargando desde a frontal, o repertorio branquiazul amplíase e fai do Dépor un equipo temible en ataque.

O Dépor gaña como gañou a primeira parte diante do Huesca, ao redor do balón, con pausa no centro e sorpresa polas bandas. Con Gaku ventilando o medio e Valle ordenando a transición para buscar a Aketxe ou aos laterais. Un fútbol simple que esixe un traballo defensivo preciso e intenso. Gaña porque usa máis a cabeza que o rival e, até onte, parecía tamén máis enteiro.  

Huesca 2Na segunda parte, o Dépor sufriu porque se botou atrás, o Huesca amarrou o balón e, con paciencia, foi gañando terreo até desactivar por completo a Santos e Aketxe. Vázquez tardou en corrixir porque esperaba un movemento desesperado de Michel, o adestrador rival, que pelexa polo ascenso. O técnico local, que acostuma a mover o cesto ostensibelmente, deu entrada a Vicente por Gaku, o mediocampista con máis peito, pero que tiña unha tarxeta. Até que Michel empezou a prescindir de defensas para cargar o ataque. Entón Vázquez respondeu con Sabin e Çolak para recuperar a iniciativa no xogo.

Neses vinte primeiros minutos da segunda metade, o Dépor sobreviviu a base de sacrificio e fe (fe por exemplo nesa defensa tan arriscada nas xogadas a balón parado), agarrado a Bergantiños e Giménez, rostros afiados polo esforzo e a determinación. Foi o Dépor agónico de antes do virus, o equipo por onde empezou a construír Vázquez. O Huesca abrasou a área local. Calquera outro, tiña sucumbido. O Dépor non, porque sabe gobernar esta súa Liga. 

Neses vinte primeiros minutos da segunda metade, o Dépor sobreviviu a base de sacrificio e fe, agarrado a Bergantiños e Giménez, rostros afiados polo esforzo e a determinación.

En canto Çolak e Aketxe devolveron o balón ao Dépor, o partido virou. O Huesca seguiu ameazando pero os locais parecían capaces de todo, como cando a Ponferradina ou a xornada anterior en Tenerife. Nos momentos decisivos do partido, Vázquez sempre se apaña para que o equipo estea por riba do rival, aínda que como onte, as forzas xa anden moi escasas…

Restan tres puntos para que saian as contas de Vázquez ao inicio da segunda volta de competición. A remontada improbábel está a piques de completarse. En Málaga, nun par de días, chegará a primeira ocasión para que o Dépor peche a súa Liga.


A ficha do partido

O Dépor goberna a (súa) Liga