CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 22
O Dépor foi peor
A primeira derrota desde o reinicio da Liga devolve á afección a un estado de desasosego. Restan tres xornadas e o equipo precisa cando menos unha vitoria máis. O Dépor foi peor en Málaga e perdeu opoñendo a mesma resistencia á derrota da que opuxo nos últimos partidos. Nese aspecto, o equipo non ofrece dúbidas. Mais o xogo decaeu. O Málaga foi superior en todos os aspectos, cun futbolista, Juanpi, moi por riba do resto sen que os de Vázquez acertasen a desactivalo seu xogo. Juanpi deu o pase decisivo e Hicham, que levaba oito minutos no campo, foi máis rápido que Valle. O gol resume todos os problemas que sufriu o Dépor na Rosaleda: atacou con pouca convicción, cometeu erros, unha morea deles, e perdeu moitas batallas individuais.
Algo vai mal se aparecen cinco dianteiros e xuntas Aketxe con Çolak e o Dépor non marca e apenas dispara a porta. Algo vai mal se Gaku, o mellor branquiazul no campo, volve saír por unha tarxeta (aínda que non só pola tarxeta). Algo vai mal se Montero (só é un exemplo) non entende que a liña máis recta para chegar á area rival é darlle o balón a Aketxe.
O gol resume todos os problemas que sufriu o Dépor na Rosaleda: atacou con pouca convicción, cometeu erros, unha morea deles, e perdeu moitas batallas individuais"
O Dépor foi peor no un contra un, foi máis lento, menos intenso na presión, perdeu máis o balón, deu menos pases co rival, chegou menos á portería contraria, e cometeu erros constantes na defensa… O plan inicial –Aketxe con Çolak– fallou porque o equipo non foi quen de ter o balón. Por aí o Málaga empezou a torcer o brazo dos branquiazuis. Os locais dominaron desde o inicio, e o Dépor só se estirou a través de Gaku. Mais o xaponés cobrou unha tarxeta nun erro da zaga e cunha amarela, Vázquez elixiu non correr riscos porque o medio campo tampouco estaba xerando o xogo que o técnico demandaba.
Aketxe sacou a cabeza e parecía que o Dépor podía volver reinventarse no momento decisivo partido, cando o Málaga se perfilaba tamén para percutir e alargaba o equipo"
A confianza do técnico na variedade de recursos do seu equipo é tal que pode sentar a un bo Gaku e apostar por Valle (un medio centro en formación) para equilibrar o xogo. Valle mellorou a circulación de balón, Aketxe sacou a cabeza e parecía que o Dépor podía volver reinventarse no momento decisivo partido, cando o Málaga se perfilaba tamén para percutir e alargaba o equipo. Entrarían Mollejo e Vallejo para buscar espazos á contra.
Pero foi un erro, unha indecisión de Vallejo e Mollejo á saída dun córner a favor, unha xogada mal defendida polos zagueiros ao cargo, un erro máis na larga cadea de erros defensivos do equipo, o que decantou o partido. Juanpi conectou con Hicham, e o Dépor recibiu un golpe dos que acostuma dar.
Despois Vázquez tirou de ‘noves’. Sentou os laterais e apareceron Santos e Merino no campo. Con Mollejo e Vallejo como carrís, o camiño parecía ben definido. Mais o Dépor faltoulle a claridade mental doutros días, quizá faltaron as forzas, o certo é que atacou desordenado e precipitado, demasiados balóns frontais, pouca precisión, máis torpe e lento. Hai tardes así… Non hai tempo para darlle máis voltas. Derrota e punto.
O mellor do partido de onte é que aínda quedan outros tres para poder completar a remontada.