Consumo
"Enraizar nas persoas": xornadas de consumo responsable
Os vindeiros dias 30 de novembro e 1 de decembro a cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca, en colaboración coa Unión de Cooperativas Espazocoop organiza as xornadas ENRAIZAR nas PERSOAS, sobre cooperativismo e consumo responsable , para celebrar o X aniversario da cooperativa coruñesa.
A cooperativa leva 10 anos impulsando o consumo ecolóxico e responsable , está ubicada no Castrillón, na cidade da Coruña e conta con 150 persoas socias.
As xornadas abertas ENRAIZAR nas PERSOAS, organizadas pola Cooperativa de Consumo Responsable Zocamiñoca en colaboración coa Unión de Cooperativas Espazocoop e financiadas polo Concello da Coruña pretenden achegar distintas experiencias de consumo responsable tanto na contorna da Coruña, a nivel galego e doutros puntos da península. Afondarán no que podemos facer como consumidoras para dinamizar o territorio, evitar a perda de poboación das áreas rurais ou alimentarnos mellor.
Co motivo do X aniversario da cooperativa de consumo Zocamiñoca, sita na Coruña; as xornadas mesturan actividades de difusión, obradoiros prácticos e actividades de tipo lúdico; cunha oferta de actividades dirixidas ás máis pequenas.
As actividades terán lugar o sábado 30 entre o Centro Cívico de Montealto e o Centro de Empresas Accede Papagaio e o día 1 de decembro no Campo da Leña. As actividades son abertas e de balde, con inscrición previa para as actividades e obradoiros con aforo limitado neste formulario. O evento en facebook pode atoparse aquí.
A economía social está en auxe en Galicia, con máis de 10.000 entidades. Dentro destas, as cooperativas dan emprego a máis de 25.000 persoas e medraron nun 30% dende o comezo da crise; até superar as 1300. A alimentación é un dos sectores onde máis arraigado está o cooperativismo, onde as empresas que traballan en ecolóxico duplicáronse nunha década.
A economía social enraizou nun momento economicamente adverso poñendo no centro ás persoas. Consolidado o modelo, é o momento de reforzar estruturas e redes de colaboración que permitan aumentar o impacto e ofrecer solucións á cidadanía que requiren dun artellamento maior.
Cales son os principais retos do consumo responsable? É todo o que se nos presenta como ecolóxico ambiental e socialmente sostible? Que podemos facer as consumidoras para estar seguras de que o noso consumo é responsable e beneficia á nosa contorna inmediata? Como espallar estas iniciativas para aumentar a nosa capacidade de decisión sobre o consumo de produtos e bens de necesidade diaria?