Artes pola inclusión

Festi= pecha o domingo no Ágora

As propostas, abertas a todos os públicos, comezarán ás 11.00 horas e rematarán cun concerto de Mercedes Peón

Festi= pecha o domingo no Ágora
CARTEL_web_PEON
Cartel Festi=

A Coruña, 29 de novembro de 2018.- O Festival de Artes pola Inclusión Cultural Festi= finalizará o vindeiro domingo, 2 de decembro, a súa segunda edición. A iniciativa, impulsada polo Concello da Coruña a través da Fundación Emalcsa, leva desde o mes de outubro ofrecendo actividades 100% libres de barreiras a través da súa programación expandida por toda a cidade. Este domingo chegará ao seu fin cunha xornada festiva e de balde que comezará ás 11.00 horas que e rematará cun concerto de Mercedes Peón a partires das 20.00 horas.

Durante a mañá sucederanse as actividades, que coincidirán en horario favorecendo que o público poida participar ou asistir ás distintas iniciativas vinculadas ao festival. Así, a Asociación Tres x Cuatro será a encargada da inauguración da xornada no auditorio do Ágora cunha proposta musical participativa baixo a dirección de Robert Pier. De seguido, contra ás 12.00 horas, será a quenda de Poten100mos, que representarán no hall do centro a obra de danza inclusiva Fuera todo lo extraño nunha singular interacción coa exposición FtloE [unha visión de Beckett] de Urza.

Tamén entre as 12.00 e as 14.00 horas a Asociación cultural Zalaeta presentará o seu traballo Deseñando e Unindo Sons, que mestura a música e a tecnoloxía. Mentres tanto, ás 12.30 horas, a Asociación Cultural Negus dará a coñecer o resultado do seu obradoiro DJ inclusivo no espectáculo Músicas en igualdade e, á mesma hora, terá lugar no auditorio a representación de O Valo, a obra de Pallasos en Rebeldía que aborda a problemática das refuxiadas nas fronteiras da Unión Europea. Finalmente, ás 13:30 a Asociación Sen Ánimo de Nome pechará a mañá cunha mostra da JAM Poesía e Lingua de Signos no primeiro andar, resultado do obradoiro impartido pola entidade ao longo do mes de novembro.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas Poten100mos ofrecerá unha segunda representación de Fuera todo lo extraño e tamén ás 17.00 horas a Asociación FreakeMacine proxectará o filme Coherence na aula 9, que dará pé a un debate posterior. Ás 18.00 horas, xa de volta no espazo central, haberá un concerto de música de cámara a cargo de Demusicade e, a partires das 18.30 horas, a Asociación Negus repetirá na cafería do centro o seu espectáculo de Músicas en Igualdade.

Por outra banda, a FAPXG levará ao equipamento da Agra do Orzán os contos en lingua de signos Unha casa a medida e ¡No quiero verte más!, mentres que Vero Rilo pechará esta iniciativa con outro conto que integra ambas linguaxes no andar superior do centro. De seguido, ás 19.30 horas, de novo Sen ánimo de nome ofrecerá unha mostra do seu obradoiro de biodanza e, finalmente, Mercedes Peón pechará a xornada coa presentación do seu último traballo, Déixaas, nun concerto no que participarán Mónica de Nut e Ana Fernández, entre outras colaboracións. 

Todas as actividades desta xornada do Festi=, que conta coa colaboración de Repsol, Fundación Sabadell, Vegalsa-Eroski, Fundación María José Jove e Naturgy, son de acceso libre agás o concerto de Mercedes Peón, cuxas entradas, que tamén son gratuítas, pódense retirar na páxina web https://www.ticketea.com/entradas-festival-mercedes-peon-deixaas-tras-os-muros-festi/.

Para máis información sobre o Festival de Artes pola Inclusión Cultural, pódese visitar o web municipal www.coruna.gal/igualdade/festigual

Festi= pecha o domingo no Ágora