CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL – CAPÍTULO 14

Fútbol sen 'feedback'

Volve a Liga, co Dépor en apuros, e non temos mapas que nos indiquen o camiño. Isto non pasou antes. Décimo cuarta entrega da serie: CRÓNICA DUNHA REMONTADA IMPROBÁBEL.
Fútbol sen 'feedback'
Deportivo. @RCD
Adestramento do Dépor esta semana. @RCD

Hai un mes comentabamos na anterior entrega desta serie (a 13ª) que a suspensión da Liga por tempo indefinido deixaba o Dépor e a Fernando Vázquez nunha especie de fóra de xogo matemático, tal como viñan amarrados desde xaneiro a unha fe inquebrantábel con asento nas estatísticas.

Mais a realidade, implacábel contra calquera fe, tirou abaixo aquel discurso que foi capaz de volver encher Riazor e insuflar vento nas velas do equipo. O Dépor é sen dúbida o club máis prexudicado pola decisión de que o resto de partidos da tempada se xoguen sen seareiros nas gradas.

Riazor demostrou ser o factor número 1 nos partidos na casa. O Dépor recibía aos rivais, fose quen fose, con medio gol a favor e un suplemento de afouteza para os terríbeis momentos en que as forzas empezaran a faltar.

Fernando Vázquez levaba tres meses sen falar e o deportivismo devecía pola voz do novo bruxo. O adestrador compareceu onte en rolda de prensa moi tranquilo e seguro, moi seguro. Recoñeceu que a principal novidade da liga post-covid será unha ausencia: o público. Concedeu que a afección foi para o Dépor un factor chave na remontada de principios de ano. Porén, se mañá diante do Xixón (17.00 horas, Riazor) o equipo estará orfo, tamén o estarán os rivais que reciban ao Dépor nos seguintes partidos. Asunto pechado. 

Este Dépor de Fernando Vázquez tíñase convertido nun equipo agónico, ben consciente de que calquera éxito pasa por sufrir. E parece que un plan destas características funciona mellor con público. Canto máis, mellor, mesmo se a grada está en contra.

De onde sacará este equipo a capacidade para motivarse e seguir pelexando contra os seus límites? Vázquez aínda está buscando a resposta. Pero o fútbol, sen o 'feedback' da grada, non será o mesmo. Este é un asunto aberto. O carácter dos xogadores será determinante para superar esta eiva. “Pode que a algúns lles beneficie xogar sen público”, suxeriu Vázquez. 

Dalgunha maneira, o fútbol recupera a súa esencia de xogo na rúa. Un balón e unhas ducias de rapaces. O futbolista por riba de todas as demais circunstancias. O home é un neno. Sen feedback, a pureza...? 

En certo sentido, os xogadores tamén chegan de novo, cunha preparación curta e pouco ordinaria, co futuro (fichaxes) demasiado preto como para no pensar nel, mais coa ambición dos comezos intacta.

Non hai precedentes, non hai mapas. Será máis bonito de ver aínda que non o sintan. Gocen do plan televisado porque non volverá pasar. Ningunha competición será igual a esta, pero haberá competición, non o dubiden.

Fernando Vázquez non o di pero xa ten un plan, vese tranquilo e moi seguro como para non ter un plan claro.

“É unha liga nova”, resumiu Fernando Vázquez. A teoría suxire que os equipos con máis calidade son os que terán vantaxe porque todo o partido se disputa no campo e ao redor dun balón. Levará esa intuición a unha mudanza do plan de Fernando Vázquez? O obxectivo segue a ser o mesmo. A cuestión é se, dadas as novas circunstancias, se impón un cambio de plan debido as vantaxes que se perderon en parte ou totalmente (Riazor, fútbol agónico...).

Vázquez non o di pero xa ten un plan, vese tranquilo e moi seguro como para non ter un plan claro. Láiase de que os partidos se sucederán moi rápido: mañá co Xixón; o mércores a Oviedo, o sábado vén o Raio e o martes seguinte, visita a Elxe... mais parece disposto a tirar proveito de todas as posibilidades que abre a nova normalidade: cinco cambios, rotacións case obrigadas, pouco tempo para pensar, ningún para adestrar, campo aberto para o triunfo da estratexia... Unha maneira bonita de enfocar o asunto e velo copo medio cheo. Pero única certeza é que para coñecer este novo fútbol da nova normalidade fáltanos feedback.

Fútbol sen 'feedback'