Pensiones
Modepen convoca unha mobilización o 1 de outubro en Compostela, para manter a loita en defensa das pensións públicas
O Movemento en Defensa das Pensións súmase a unha convocatoria unitaria en todo o Estado, na que se reclaman garantías para unha xubilación digna, pública e igualitaria.
Integrantes do Movemento en Defensa das Pensións presentaron hoxe a manifestación que terá lugar o 1 de outubro, ás 12.00h, na Praza do Toural de Santiago de Compostela, á que están chamadas persoas de toda Galicia, para continuar as mobilizacións polo dereito a unha xubilación pública, digna e igualitaria.
Esta convocatoria unitaria forma parte dunha rede de manifestacións que se espallará por todo o Estado, e na que se levarán as seguintes reivindicacións:
- Sistema de Pensións da Seguridade Social garantizado polos Presupostos Xerais do Estado. As pensións son un dereito, non unha esmola.
- Restablecer a idade ordinaria de xubilación aos 65 anos.
- Recuperación do subsidio para maiores de 52 anos.
- Derrogación das reformas do 2011 e 2013, que empobreceron ás persoas pensionistas.
- Denuncia do Producto Paneuropeo de Pensións Individuais, que pode aprobarse no Parlamento Europeo, e favorecería aos plans de pensións privados. Os cartos públicos, para as pensións públicas.
- Pensión mínima de 1.084 euros (a data de 2017) como recolle a Carta Social Europea, e revalorización automática das pensións en relación ao IPC real anual.
- Igualdade na contía das pensións de homes e mulleres.
Para asistir á manifestación do 1 de outubro en Compostela existirá un servizo de autobús desde A Coruña, con saída ás 10.30 desde a Praza da Palloza, e un prezo de cinco euros ida e volta.
Modepen é un movemento social apartidista, asembleario, aberto, transversal e inclusivo no que teñen cabida todo tipo de persoas, e cuxo único obxectivo é a defensa do sistema público de
pensións.