Viaxes

Alberto Lema presenta a Guía do Camiño Inglés, editada por Turismo da Coruña

O Concello promocionará os principais puntos do Camiño na Coruña coa instalación dunha sinalética específica.

Alberto Lema presenta a Guía do Camiño Inglés, editada por Turismo da Coruña
Galerias no porto coruñés
Galerias no porto coruñés.

A Guía do Camiño Inglés na Coruña, que estará dispoñible nas próximas datas nas Oficinas de Turismo municipais, foi presentada onte polo concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que estivo acompañado por Lanzada Calatayud, xerente do Consorcio de Turismo da Coruña, e por Manuel F. Rodríguez, xornalista experto no Camiño de Santiago e autor dos textos da guía. O documento dá conta da pegada e vinculación da cidade coa ruta xacobea, forma parte das diversas accións emprendidas polo Goberno local coa finalidade de difundir, entre a veciñanza e as persoas visitantes, segundo informa o Concello.

"Este extenso traballo fai un percorrido meticuloso pola historia do Camiño Inglés, unha ruta cunha enorme tradición e que demostra que A Coruña foi o principal porto de arribada dos peregrinos marítimos que chegaban fundamentalmente de Inglaterra, a quen lle debe o seu nome, pero tamén de Irlanda ou Islandia", explicou o concelleiro. "Á vez, moitos peregrinos, unha vez finalizado o Camiño, empregaron o porto coruñés para volver aos seus países de orixe en barco. A Coruña foi porto de chegada, pero tamén o principal punto de partida desta ruta", incidiu Lema.

O Camiño Inglés conta en Galiza con dúas alternativas. Un itinerario desde A Coruña, de 74 quilómetros, e outro desde Ferrol, de 118 quilómetros, que se xuntan en Bruma, a 40 quilómetros de Compostela.

A guía coruñesa ofrece un percorrido histórico e presenta os principais edificios do termo municipal vinculados á ruta, como a igrexa de Santiago ou a Porta do Parrote. Lema lamentou que "aínda que este Concello foi proactivo á hora de buscar a colaboración, o Goberno da Xunta demostrou que non ten interese en traballar en común co executivo coruñés, a pesares do esforzo que se está a facer desde A Coruña para dar a coñecer e difundir esta ruta".


 

Alberto Lema presenta a Guía do Camiño Inglés, editada por Turismo da Coruña