Crónica dunha remontada improbábel – capítulo 1

Respira

Esta serie de artigos e testemuños é un brinde á esperanza desde un medio modesto, de barrio e popular. Gústanos o fútbol, porque o fútbol é un pouco como a vida pero sen facernos dano.
Adestramento do Dépor o martes 14 de xaneiro de 2020. Foto RCD
Fernando Vázquez, durante o primeiro adestramento do novo dianteiro centro: Sabin Merino. Abaixo: outras imaxes de Abegondo este martes. Fotos: EntreNós e RCD da Coruña.

Teñen corazón branquiazul? Tomen asento e dispóñanse a gozar. Imaxinen unha situación desesperada: un club glorioso nunha tempada catastrófica, unha directiva á fuga, sucesivos cadros técnicos superados pola deriva, un grupo de futbolistas empequenecidos e unha afección que se revolve contra todo sen entender o que pasa porque a prensa tampouco llo explica e os xornalistas din que o club mantén un “hermetismo” excesivo.

…mais en cuestión de días aquel equipo moribundo que sen solución de continuidade deixara de rememorar o pasado para toparse diante do precipicio (oh, pánico!), gaña dous partidos na liga, repón o presidente, aparecen un adestrador de confianza e un amigo con cartos e a remontada deixa de parecer imposíbel para rebaixar un grao na escala dos retos. Agora parece improbábel…

Así que aquí están vostedes: con dous partidos en catro días en Riazor para comezar a escribir esa nova historia. #ResisteDéporResiste

Esta serie de artigos e testemuños é un brinde á esperanza desde un medio modesto, de barrio e popular. Gústanos o fútbol, porque o fútbol é un pouco como a vida pero sen facernos dano. Está é a crónica dunha remontada improbábel.

A cifra é 11, e non hai liga!      

Nas últimas cinco tempadas en Segunda División a permanencia máis cara foi a do Alcorcón, o Numancia e o Zaragoza que sumaron 50 puntos (os madrileños chegaron a sumar 13 vitorias) na liga 2016-17. A permanencia máis barata foi a do Osasuna na 2014-15. Sumou 45 puntos, grazas a 11 vitorias e 12 empates, e malia a rematar a competición cunha diferenza negativa de 19 goles, con 60 tantos encaixados.

Cos números actuais, disputadas 22 xornadas, a proxección do Dépor ao final desta campaña serían apenas 6 triunfos e 34 puntos. Números insuficientes para permanecer na categoría. Ademais, de continuar a tendencia actual, tería recibido 67 goles en contra ao final da liga. Só catro equipos nas dez tempadas anteriores lograron evitar o descenso cun rexistro semellante.

As proxeccións importan. Non ten outro sitio onde amarrar a súa esperanza o Dépor. Fernando Vázquez (Castrofeito, 1954), o novo adestrador, é consciente diso. Estableceu unha meta: doce vitorias na segunda volta. E comezou con bo pé. Gañou en Soria ao Numancia. Precisa 11 triunfos máis. E recibir menos goles. O de Soria foi o cuarto partido desta campaña no que non encaixou, e os tres anteriores remataron en empate. A estas alturas as igualadas valen de moi pouco. De aí que o novo adestrador, fixara un obxectivo único: gañar.

Na tempada 2017-18, o Córdoba pasou trinta e unha xornadas consecutivas en praza de descenso. No mercado de inverno o club andaluz fichou oito xogadores e en febreiro contratou un novo adestrador, José Antonio Sandoval. Sandoval colleu o equipo na xornada 26 con 19 puntos. Nas dezaseis xornadas seguintes sumou 10 vitorias máis dous empates. Saíu do descenso na penúltima xornada, mais non certificou a remontada até o último partido.

Adoitamos lembrar os casos de éxito. Houbo ducias que fixeron o esforzo e non o conseguiron. Mais a historia do Córdoba é inspiradora. A receita de Sandoval, segundo conta algún dos seis colaboradores, era sinxela. “Transmitía moita enerxía positiva”. “Paixón e convicción”, di outro deles. 

O home chave

O home chave para a remontada tampouco viste de curto. É o adestrador, Fernando Vázquez. Agora que a cidade se rende (por fin!) a Arsenio Iglesias e fóra do mundo do fútbol se entende a enormidade dos logros daquel Superdépor, aparece un técnico como Fernando Vázquez que ten algo de Arsenio, un aquel que seduce á afección, un compadre que goza dos mesmos pratos e retrancas que ti. E un sabio, claro... en construción. 

A estas alturas da súa traxectoria deportiva, Vázquez non é nin novo nin vello, pero leva aí toda a vida. Pódese confiar nel. Porque ademais é próximo. Fala coma a xente, e respecta os símbolos e os códigos do fútbol. Pasou polo Lalín, o Ferrol, o Lugo, o Compostela, o Oviedo, o Mallorca, o Betis, polas Palmas, o Rayo, o Valladolid, o Celta e o Dépor… Si, hai apenas seis anos chegou a Riazor para evitar un descenso e non puido, mais ao ano seguinte devolveu o equipo a Primeira. Moitos queríano, pero non todos… Vázquez caeu en desgraza como despois caería Richard Barral, tamén de volta ao club na parcela deportiva.

Adestramento do Dépor o martes.(1)  

Agora que a cidade se rende (por fin!) a Arsenio Iglesias, aparece un técnico como Fernando Vázquez que ten algo de Arsenio, un aquel que seduce á afección.

O diñeiro dá paz

A asemblea deste martes elixiu novo presidente. É Fernando Vidal (A Coruña, 1962), ex conselleiro responsábel da área deportiva na directiva de Tino Fernández até outubro de 2017 cando dimitiu do seu cargo por discrepancias co daquela presidente. Vidal é un empresario con intereses nos sectores navieiro e eléctrico. Vén substituír Francisco Zas, que protagonizou un mandato breve no que se frustraron rápido as ilusións. Os seareiros fixéronllo pagar. Caeu Juan Antonio Anquela, o adestrador que comezou a actual tempada á fronte do equipo, mais os resultados non melloraron e os afeccionados de Riazor volvéronse contra o palco. En apenas medio ano de mandato de Zas o club viuse na peor situación deportiva desde a tempada 1979-80 cando descendeu a Segunda B (xunto co Celta, co que volvería a ascender ao ano seguinte). Zas dimitiu o pasado 9 de decembro e abriu un proceso que culminou na asemblea de onte coa designación de Fernando Vidal.

A paz institucional non tería sido posíbel sen as negociacións que o equipo de Vidal mantivo con Abanca. A entidade financeira xa axudou ao club no 2017. Mais a débeda segue sendo alta, ao redor dos 90 millóns de euros segundo algunhas fontes xornalísticas. O que Vidal negociou agora con Abanca é unha achega para acceder ao mercado invernal de futbolistas e poder reforzar o equipo; ademais do compromiso de ir minorando a débeda a través, entre outras ferramentas, dunha ampliación de capital.  Seguindo ese plan, o banco podería converterse no maior accionista do club, e iso non é do agrado de todos. “Espero que a pelota entre”, dixo despois de ter sido nomeado presidente.

O camiño a seguir

As condicións para que “a pelota entre” non existían hai un mes. A paz institucional e social baséase hoxe nun acordo tácito. A medio e largo prazo as ambicións deportivas da entidade e dos socios e afeccionados son as mesmas: competir na Primeira División. Un obxectivo discreto, pero compartido. É o que ten cando se deixa de mirar ao pasado para non fechar os ollos ao que tes diante.

Nada máis chegar, o adestrador dixo que había que esquecer a liga. É dicir, o Dépor xa non compite contra outros, faino contra si mesmo.

Que fará Fernando Vázquez para gañar 11 partidos dos 20 que quedan por disputar? 

Primeiro: definir o reto. 
Nada máis chegar dixo que había que esquecer a liga. É dicir, o Dépor xa non compite contra outros, faino contra si mesmo. O Dépor precisa sumar de tres en tres. Os empates non valen. Descártase a súa contribución ao obxectivo. Cada partido non gañado é unha oportunidade perdida. O 2020 é unha carreira de obstáculos no que só se ve o primeiro que hai diante. Mañá, o Santander. Unha final de Champions, como cualificou o partido Vázquez. 

Segundo: recorrer á afección.
O Dépor recuperará mañá (19.00 en Riazor diante do Rácing de Santander) a camiseta de franxas verticais. Todos contentos. As entradas para os dous próximos partidos esgotáronse grazas a uns prezos moi populares. E logo que digan que é difícil levar á xente ao campo. Vázquez ten o que quería: a afección do seu lado… e detrás do equipo. Riazor revivirá este xoves a súa épica na loita entre os dous últimos clasificados, pero é que a épica tamén se constrúe por abaixo. 

Terceiro: saber a que xogar.
Despois de convencer o club, a prensa e os afeccionados, Vázquez ten que ser quen de convencer os xogadores. Ten que ofrecer a un equipo amedrentado un plan onde amarrarse. Durante media tempada, o plan non se vía por ningures. Todo foron borradores.

Pero Vázquez xa presentou o seu plan. Sen esperar polas fichaxes que se anuncian, o adestrador estableceu a defensa como punto de partida. O Dépor xogará desde a defensa, e ese fútbol esixe atención constante e agresividade. E se queres un equipo que compita, antes os xogadores deben competir entre eles. Polo de agora, os galóns gáñanse no campo.

O único que non se discute é o nome do porteiro. Por diante del, o Dépor aliñará cinco defensas e dous pivotes defensivos. O nove acaba de chegar. É Sabin Merino. Ten 28 anos e formouse na canteira de Lezama. Parece que gozará dunha marxe de confianza. Con Giménez e Merino, o técnico ten o que Radomir Antic definiu como os cimentos de calquera equipo. 

Adestramento do Dépor o martes. (2)

Ten que ofrecer a un equipo amedrentado un plan onde amarrarse. Durante media tempada, o plan non se vía por ningures. Todo foron borradores.

Pode que o fútbol tamén sexan modas, pero en caso de apuros, a maioría dos clubs e dos adestradores adoitan recorrer aos principios. “Orde e talento”, repetía Arsenio, o Zorro de Arteixo que non desvelaba canto de cada cousa. Vázquez impuxo orde e o club busca uns gramos de talento no mercado de inverno. Case sempre, que “a pelota entre” non depende só da sorte.

Respira

Este martes, mentres os xogadores se cambiaban antes de comezar o adestramento en Abegondo, catro empregados do club traballaban na limpeza das gradas e no coidado do céspede do campo principal. Zoaba o vento e pingaba. Os reporteiros gráficos esperaban a sinal para tirar as primeiras fotos da nova fichaxe. A mañá arrolaba a calma dos días importantes. Pola tarde elixiríase novo presidente. O club respira. 

Só un veciño apareceu para imprimir á xornada algo do fatalismo consubstancial ao inverno, o vento e a choiva vaias líder de Primeira ou ‘colista’ de Segunda. “Bah, estes… Onde está o italiano? Xa volveu para Milán? E o xaponés, non dicían que era o mellor de Xapón?” A afección respira.

Nos xornais e nas radios do que se escribe e se fala é de fichaxes, tácticas, disputas entre aspirantes a directivos, débedas e cartos. De fútbol, naturalmente. Parece que Anquela e Zas (e mesmo Carmelo del Pozo) quedaron esquecidos. A prensa respira.

A vida segue, foi a mensaxe que veu traer Fernando Vázquez ao moribundo Dépor. Só podía ser alguén coma el, cada día máis parecido a Arsenio. Alguén que lle presta o ombreiro a un amigo e non lle oculta a verdade. Si, estamos fodidos, pero estamos vivos. Respira. 

#ResisteDéporResiste