Dereitos humanos

Marga, activista en A Coruña: “Todos podemos achegar algo á loita polos Dereitos Humanos”

Marga está xubilada e é unha activista polos Dereitos Humanos.

"O que me amargaba a vida, antes de entrar en Amnistía Internacional, era que existise tortura e pena de morte no mundo". 

Marga, activista en A Coruña: “Todos podemos achegar algo á loita polos Dereitos Humanos”
Marga
Marga

Pregunteime: se hai unha ONG que loita contra isto, eu quero estar. Ao longo dos anos, a loita polos dereitos humanos foise ampliando a moitas organizacións: Acampa, que acolle a todas, Mundo sen Guerras e sen Violencia, Médicos Sen Fronteiras, Cear, e moitas outras ONGs que traballan polos Dereitos Humanos.

E quero convidar ao activismo, porque o importante é que todos podemos achegar algo. Ás veces temos medo de non ter nada que ofrecer, pero en realidade todas e todos temos moito que achegar.

Como comezaches no mundo do activismo?

Porque estaba totalmente en contra da pena de morte e da tortura e había uns cupóns no xornal El País para asociarse a AI unha organización que loitaba para rematar con esta vulneración dos DDHH. Ao pouco tempo de facerme socia recibín un sobre informándome das actividades de AI, preguntándome se quería formar parte do grupo de Coruña e ata hoxe.

Ao longo destes anos cal é a lección máis importante que recibiches desa experiencia asomada a situacións e realidades moi duras?

A lección máis importante é que a unión fai a forza, por moi boas intencións que teñamos pouco podemos facer a nivel individual e colectivamente todo mellora. Vou comentar unha anécdota de hai moitos anos: nunha pequena cidade do sur de Chile liberaron a un preso de conciencia porque os gardas da prisión estaban fartos de que lle chegaran cartas e cartas de diversos países pedindo a súa liberación.

Que beneficios achega para unha persoa ser voluntaria e activista? 

Moitos. En primeiro lugar a satisfacción de non cala , evitando ser cómplices por omisión das devanditas violacións. Non me lembro quen a dixo pero estou moi de acordo coa frase de que co silencio das persoas que nos consideramos boas permitimos que fagan as desfeitas as persoas malvadas. En segundo lugar diría “ter activa a conciencia” non me gusta falar de tranquilizala porque sería unha hipocrisía.

En terceiro lugar coñecer e traballar con persoas marabillosas tanto de AI como doutras ONGs non quero dicir nomes por se me esquezo dalgunhas.

En cuarto lugar, ter experiencias tan marabillosas como falar co guatemalteco Bernardo Caal un preso de conciencia liberado grazas a actuación de diversas ONGs.

O activismo é unha forma de procura da transformación social e na eduación? Como antiga profesora, que crees que ten que achegar o activismo e o voluntariado para mellorar a educación dos máis novos?

Ten que achegar reflexión e empatía para que o alumnado se solidarice con persoas que sofren graves violacións de DDHH. A min antes gustábame moito a frase de que unha imaxe vale máis que mil palabras, agora non estou tan segura, hai moita imaxe ficticia en internet, creo que necesitamos a palabra, sensata, contrastada, meditada. Debemos formar sobre redes, dereitos da muller, racismo, xenofobia, acoso escolar desde primaria. Hai que ensinarlles a analizar e contrastar a información para que teñan unha alerta, sospeiten e non crean as falsas noticias.

Que nos espera no futuro? En busca de que obxectivo traballas ti?

Moito traballo, a democracia está en perigo, temos que voltar ao espíritu que había despois da 2ª Guerra Mundial cando se creou a ONU e tamén fortalecer un Estado plural con partidos verdadeiramente democráticos que garantan unha sanidade, educación e dereitos económicos, sociais e culturais para todas as persoas. As persoas adultas tamén necesitamos mecanismos que nos axuden á reflexión para non mercar as mensaxes dos partidos que se presentan as eleccións mais non cren na democracia. Debemos convencer á sociedade que hai que actuar, non abonda con criticar aos políticos tomando café ou unha cañas e logo esquecerse, hai que actuar. A sociedade sería mellor se todas as persoas nos convertésemos en activistas de DDHH.

O meu obxectivo e continuar sendo activista, mellorar como persoa e admitir a disonancia cognitiva que temos todas/os de querer ao mesmo tempo unha cousa e a contraria, exemplo quero que haxa paz no Congo e ter dispositivos tecnolóxicos axeitados.

Marga, activista en A Coruña: “Todos podemos achegar algo á loita polos Dereitos Humanos”