Libros
Paciencia non é sentarse e esperar
Cheikh Fayé presentou Ser Modou Modou onte na Alexandre Bóveda e xa prepara un evento para o xoves día 20 nas Cunchiñas.
Para comprender todo o esforzo que hai detrás de Ser Modou Modou, o libro do senegalego Cheikh Fayé editado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega que onte se presentou na Alexandre Bóveda diante de máis de medio cento de persoas, hai que ler en voz alta este texto:
“Vexo a miña familia unha vez ao ano se teño un bo ano, viaxo polas feiras e durmo sobre cartóns faga frío ou calor. Aprendín a ser paciente desde que saín da aldea para estudar. Meus pais non sempre podían mandar cartos e ás veces fun ao instituto sen comer. Cada ano que pasa teño máis paciencia (mounge). Teño a conciencia máis clara do que pasa, de cada situación da vida. A paciencia non é sentar a esperar”.
Cheikh Fayé é un inmigrante africano que acaba de cumprir 55 anos e leva desde principios de século traballando na Coruña e arredores para enviar cada mes algo de diñeiro á súa familia nunha aldea en medio da sabana no Sahel. Cheikh Fayé ten unha vida dura e difícil, mais en todo este tempo, malia a crise, os EREs (que tamén os sofren os inmigrantes), a explotación laboral (os que máis a sofren) e a miseria dunha Administración pública imperturbábel, nunca perdeu a paciencia e pode que iso lle permitira seguir mantendo a dignidade.
Haberá moitas lecturas posíbeis de Ser Modou Modou –Avia Veira, que leu un dos textos de Cheikh durante a presentación, recomendou que se abordara o libro “aos poucos: como poemas”– pero todos os textos erguen a bandeira da dignidade dos pobres, dos desherdados, dunha maioría social que sofre e resiste amarrada a valores universais e a referentes. Os de Cheikh teñen nomes senegaleses, pero polo que conta no libro, e antes tiña contado no blogue (senegaliza.wordpress.com) que actualiza desde hai dous anos, son perfectamente comprendidos desde esta parte do mundo na que levamos tempo convivindo coa migración e coa colonización.
Son textos desde abaixo. Coa pretensión, explícita, de “abrir as mentes” senegalegas. Cun agradecemento sincero ás xentes que aquí fixeron un esforzo por comprender a Cheikh e a través del a unha parte da diáspora saheliana. Non será sinxelo. Hai que ter paciencia (mounge), pero paga a pena devolver con esforzo o esforzo que segue facendo Cheikh por sobrevivir, axudar á familia, escribir para mostrar a humanidade dos seus e apelar á humanidade dos outros, anotando e corrixindo pensamentos nun caderno as noites que non ten o corpo mallado de ir e vir ás feiras nunha pequena habitación dun piso compartido no barrio da Agra mirando de cando en cando para tres bicis de neno que un día soñou con enviar a África. Paciencia non é sentarse e esperar.
A veciñanza da Agra e a colonia senegalesa terán a ocasión de escoitar pronto a Cheikh Fayé falar do seu libro no barrio. As ONG Viraventos, Ecos do Sur, SOS Racismo e o Foro Galego da Inmigración queren organizar un evento para presentar o libro na praza das Cunchiñas –a praza do mundo, como lle gusta falar dela a Cheikh– o próximo xoves día 20 de xullo. Iremos dando conta dos preparativos.