Novela fantástica

Tesouros agochados

Isidro Novo presenta unha novela de realismo máxico, O tabú na traslenda, na que fai plans de futuro.

Tesouros agochados
Presentación. O tabu da traslenda, na Suévia. Con Mercedes Queixas, Isidro Novo e David Cortizo
Presentación de "O tabu da traslenda" na Suévia; con Mercedes Queixas, Isidro Novo e David Cortizo.

Os países, como as persoas, andan moi preocupados en vivir cara fóra, coas súas marcas-país, bandeiras e himnos, fitos históricos e deportivos, comparándose uns cos outros en rankings gastronómicos, en ser máis, en procurar seu lugar no mundo empuxando, visibilizándose. Hai países así. É o normal. A dimensión do presente.

Agochado baixo ese pano está o país real, no que rigorosamente o tempo concorre en tres dimensións (cando menos), no que hai mundos, submundos e alén mundos. No que os adentros son a vida que discorre por camiños retranqueiros, inesperados, e o resto é historia, impostura.

Onte presentouse na Livraria Suévia unha novela de xénero fantástico que retranquea cara a tradición do fantástico galego, segundo sosteñen Mercedes Queixas, escritora, e David Cortizo, o editor en Urco. A obra titúlase O tabú na traslenda i é obra dun novelista que recorre o país sen présa en busca de palabras e está convencido de que o futuro (coma o pasado) están na aldea. Un futuro-presente no que os automóbiles e os negocios agroalimentarios están aí para facilitar a transición da cidade a sitios como Amarelle, parroquia da ficción, que conseguiu unha envexable estabilidade demográfica en torno ao número 333.

Presentación. O tabu da traslenda, Isidro Novo

O tabú na traslenda fala, ao parecer, de tesouros agochados, de seres que transitan tempos e mundos e mesmo se transfiguran en cerdeiras e corvos brancos, do segredo dunha aldea con encanto (de encantamento). “Un sitio corrente pero que exerce atracción por determinada xente, non toda, que vén de fóra”, explicou Isidro Novo, o autor, e dixo que lle saíra unha novela coral, na que conviven un budista coa súa reencarnación, un deseñador de videoxogos e un segredo que goberna a aldea, o tabú que agocha o tesouro detrás da lenda. “Non quixen facer unha novela dos anos cincuenta. Non se trata de dicir o que está contado. Hai que pensar en hoxe e, se podes, en mañá”, xustificouse Novo antes de contar cousas que lle pasan cando anda polo país á procura de palabras. Un país como ten que ser ten que ter voces distintas para incitar a beber a unha vaca reticente, segundo a vaca (e dono) pazan en Taboadela ou en Maside. E tenas. Un país como ten que ser, isto confesoullo un cura, tería que elixir a san Rosendo “que é de aquí” e non a Santiago “que xa o é de España” como patrón.

O tabú na traslenda preséntase no selo Alcaián de Urco Editora como realismo máxico pero ben podería ser unha novela de anticipación nese soño do autor de agochar os tesouros da terra, por exemplo a lingua das vacas, e empezar a vivir o que importa pasado-presente-futuro.

Presentación. O tabu da traslenda. Isidro Novo e David Cortizo


 

Tesouros agochados