Recomendacións para o día das Letras Galegas
ÁLBUM ILUSTRADO
Xa non son malo
Paula Merlán & Blanca Millán | Antela Editorial
Lobo Feroz vive nas Fragas Floridas co seu amigo Ourizo Rufo. Xuntos vixían os bosques e reciclan o lixo que atopan polo camiño. Aínda así, algúns desconfían del. Lobo Feroz xa non é malo, pero… será quen de demostralo?
INFANTIL
Lobo Ramón
María Canosa & Nuria Díaz | Oqueleo
Ramón é un lobo diferente dos demais, tanto nos gustos da comida coma nos de vestir. Por iso ás veces se sente só. Esta situación anímao a achegarse aos veciños, pero eles téñenlle medo por ser un lobo. Isto tráelle moitos problemas. Será Ramón quen de facer novos amigos?
XUVENIL
Non te amola!
Xela Arias & Luz Beloso | Editorial Galaxia
Velaquí un libro inédito de Xela Arias. A súa primeira achega á narrativa; un texto que é unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta, vizosa, cara aos nosos días. Unha descuberta dunha sensibilidade magnífica. Un acontecemento literario que se abeira, ademais, ao traballo dunha grande ilustradora como Luz Beloso.
POESÍA
Cantares gallegos
Rosalía de Castro | Edición de María do Cebreiro | Xerais
Rosalía de Castro (1837-1885) é a voz emblemática da nosa literatura, símbolo do Rexurdimento cultural no século XIX, e Cantares gallegos, publicado por vez primeira o 17 de maio de 1863, representa o primeiro gran paso cualitativo cara á madurez poética de Galiza.
Inspirada nas raíces do seu pobo, nos ritmos e fórmulas tradicionais, na fala viva, nos costumes e nas xentes que a autora sentía arredor de si, este libro vai máis alá e encarna, dende sempre, a esencia máis íntima do sentimento galego.
NOVELA
Flores de Ferro
María Rey Vilas | Editorial Galaxia
PREMIO GARCÍA BARROS 2020.
Camila viviu durante décadas unha mentira sostida coa complicidade dos que a rodean. No seu regreso á vila de Briana, no verán de 1987, deberá reunir o valor para enfrontarse á verdade. Alí, Antón, o ferreiro artista, pechouse no seu mundo, a arrastrar a dor e a culpa dos que non souberon ver como o mal se estendía ata que foi demasiado tarde. A visita da súa neta, Helia, daralle azos para contar o que durante tantos anos calou.
María Rei Vilas debuta na novela cunha historia en que a intriga asolaga o persoal e o colectivo, cun destacado protagonismo das mulleres, e unha trama onde as vítimas silenciadas poden procurar, polo menos, unhas pingas de xustiza. Aurora, Olga, Nidia? son as flores de ferro desta historia. Pero hai máis. Houbo moitas máis.
ENSAIO
O dereito á felicidade
José Mujica /Carlo Petrini/Luis Sepúlveda | Traducción de maría Medeiro Mayán | Catroventos Editora
Convídannos reflexionar sobre o noso dereito a sermos felices, a desfrutar do camiño da vida e a vivirmos por un motivo.
«Comprometámonos todos, cada quen coas súas forzas e as súas posibilidades, a vivir por ese sentido da vida que tanto se debate neste libro: o deber moral de facer a nosa parte para promover e conseguir que a felicidade se converta nun dereito universal».