LUNS 23 XANEIRO Unidade móbil de doazón de sangue diante do antigo ambulatorio (Ronda de Outeiro nº 148) 9:30 ás 14:30 e 15:30 ás 21:00 horas

O luns 23 de xaneiro, doazón de sangue nos Mallos

#súmatedoasangue: proxecto Antenas Solidarias

LUNS 23 XANEIRO
Unidade móbil de doazón de sangue diante do antigo ambulatorio (Ronda de Outeiro nº 148)    
9:30 ás 14:30 e 15:30 ás 21:00 horas

FUCC colabora no proxecto Antenas Solidarias, unha campaña informativa para que a cidade da Coruña acade os niveis de doazón de sangue que recomenda a Organización Mundial da Saúde.

Os doadores de sangue forman parte da sanidade, están presentes nas intervencións cirúrxicas, nas urxencias cando atenden a unha persona que sufriu un accidente de tráfico, nos hospitais de día cando axudan ás persoas con cancro ou leucemia, cando realizan un transplante de órganos,... FUCC quere trasladar aos vecinos e veciñas da cidade a información necesaria para acadar a participación activa.

O luns 23 de xaneiro, doazón de sangue nos Mallos
Doazón de sangue
Doazón de sangue

ADOS desprazará as unidades móbiles de doazón de sangue aos barrios da cidade coa frecuencia adaptada ao número de doadores censados en cada zona e ao número de doazóns que se producen en cada visita e facilitará aos establecementos comerciais que se incorporen a esta iniciativa o material informativo necesario para o seu desenvolvemento.

Os establecementos comerciais que se incorporen ao proxecto Antenas Solidarias colaboran na distribución dun sinxelo material informativo entre os seus clientes, na semana previa á chegada da unidade móbil de doazón de sangue a cada un dos barrios e tamén expoñen un cartel informativo na entrada do establecemento. Tanto FUCC como cada asociación de comerciantes tamén difundirá a información da doazón de sangue e da presenza das unidades móbiles en cada barrio nas súas plataformas informativas (webs, redes sociais,…).

A primeira fase deste proxecto desenvolverase dende decembro de 2016 a febreiro de 2017 e a segunda fase de xuño a setembro de 2017.

 

A doazón de sangue na cidade de A Coruña

A Coruña foi a penúltima cidade en taxa de doazón en 2015 con 39 doazóns por cada 1.000 habitantes. Isto significa que non acadou as cifras recomendadas pola Organización Mundial da Saúde para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos hospitales (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes). O crecemento do 5,6% do 2015 é una boa nova aínda que non é dabondo. Polo tanto, é necesario redobrar esforzos para tratar de incrementar a participación dos vecinos e veciñas neste acto solidario, tan necesario para que os hospitais podan atender a centos de enfermos cada día 

A área sanitaria conta cunha renovada sala de doazón na 4ª planta do CHUAC (luns a venres de 8.00 a 22.00 horas e sábados de 8.00 a 15.00 horas) e dúas unidades móbiles que se achegan aos concellos, barrios, centros docentes e empresas de luns a sábados.

A maior participación na cidade da Coruña prodúcese nos 21 barrios que visitan as unidades móbiles (3.296 doazóns) e no local de doazón do CHUAC (3.126). Os 10 institutos e 19 centros universitarios que visitan as unidades móbiles aportan 1.877 doazóns, as 32 empresas e organismos públicos aportan 1.222 doazóns e o Acuartelamiento de Atocha aporta 64 doazóns.

Salientar a participación en 5 barrios (Cantón Pequeño - 988, Cuatro Caminos - 484, Conchiñas - 454, Os Mallos - 314 e Monte Alto - 310); 5 institutos (Ánxel Casal - 158, Someso - 89, Calvo Sotelo - 70 e Fernando Wirtz - 63); 5 empresas (Carrefour – 163, El Corte Inglés – 141, Repsol - 88, Atento – 85 e Alcampo - 75) e 4 facultades(Económicas - 184, Informática - 171, Arquitectura Técnica - 131 e Escola de Camiños - 124).

ADOS

A nova Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), dependente da Consellería da Sanidade, integra o traballo da Oficina de Coordinación de Transplantes (OCT) e do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), que subministra compoñentes sanguíneos as 24 horas do día a todos os hospitais de Galicia dende o ano 1993.

Cada día 10 unidades móbiles percorren os concellos galegos para atender as persoas que desexan realizar este acto altruísta. As doazóns de sangue recollidas nas unidades móbiles e nos locais de doazón das 7 grandes cidades, envíanse a diario ao CTG para o seu procesamento, análise e conservación. Establecese con cada hospital unhas reservas de seguridade de cada grupo sanguíneo e, diariamente, envíanse os compoñentes sanguíneos que precisan para desenvolver a súa actividade asistencial programada e facer fronte ás urxencias.

Como é ben sabido, o sangue non se pode fabricar e aporta os elementos para a nutrición e defensa do noso organismo. Todos os días é preciso para moitas persoas que son sometidas a intervencións cirúrxicas, que sufriron accidentes de tráfico ou laborais, que padecen anemias, hemorraxias, cancro, leucemia, transplantes de órganos... Dende 1985 a doazón de sangue por lei é un acto voluntario, altruísta, anónimo, universal e gratuíto (Real Decreto 1945/1985 de 9 de outubro do Ministerio de Sanidad e posterior Real Decreto 1088/2005 do 16 de setembro).         

Para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos hospitais son necesarias entre 400 e 500 doazóns de sangue cada día. As épocas do ano de maior dificultade coinciden cos períodos de vacacións (Verán, Nadal, Semana Santa,…) nos que os enfermos seguen a precisar a solidariedade dos galegos e galegas.

A centralización nun único centro de transfusión do procesamento e distribución dos hemoderivados, garante que os enfermos da nosa comunidade reciban compoñentes sanguíneos cunha calidade homoxénea, obtidos a partir de estritos criterios de seguridade transfusional. Ademais, a descentralización da atención aos doadores mediante o desprazamento das unidades móbiles, permitiu incrementar de xeito importante a taxa de doazón de sangue e cubrir as necesidades dos nosos hospitais.

En 1993 comezaba o labor do CTG ocupando Galicia o penúltimo lugar de España en taxa de doazón de sangue (25 doazóns por cada 1.000 habitantes). Co desenvolvemento das campañas informativas e as facilidades co desprazamento das unidades móbiles, produciuse unha progresiva concienciación. As 111.250 doazóns de sangue do pasado ano 2015 representan 41 doazóns por cada 1.000 habitantes, o que supón acadar por 16º ano consecutivo a taxa recomendada pola Organización Mundial  da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes), superando a media estatal de 36  doazóns por cada 1.000 habitantes.

Grazas ás persoas que doan sangue pódese desenvolver unha parte importante da actividade asistencial nos hospitais. En 2015 en Galicia atendéronse:

  • 185.281 intervencións cirúrxicas nos hospitais galegos
  • 970.037 urxencias hospitalarias
  •  4,2 millóns de consultas hospitalarias
  • 337 transplantes de órganos
    • 168 de ril, 94 de fígado, 47 de pulmón, 25 de corazón e 4 de páncreas
    • Dende 1981 realizáronse 6.949 transplantes de órganos en Galicia
  •  181 transplantes de medula ósea
    • En 2015 incrementamos nun 32% os doadores de medula ósea en Galicia ata as 1.347 persoas
    • Dende 1998 realizáronse en Galicia 2.600 transplantes de medula ósea

O sangue non se pode fabricar y so é posible obtelo da doazón de sangue de persoas solidarias que axudan a outras persoas a recuperar a saúde e, mesmo, salvar a vida.

Máis información no vídeo sobre a doazón de sangue 

.

O luns 23 de xaneiro, doazón de sangue nos Mallos