medio ambiente

ADEGA achega ao alumnado de Ames os impactos das especies invasoras no medio natural

A asociación ecoloxista realiza unha visita guiada coa exposición sobre especies exóticas invasoras no IESP de Ames
ADEGA achega ao alumnado de Ames os impactos das especies invasoras no medio natural
Expo_Fluviatilis_Ames
Expo_Fluviatilis_Ames

Ames, 3 de novembro de 2023 - A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, continúa co seu Proxecto Fluviatilis, achegando información relevante sobre as especies exóticas invasoras e os seus impactos no medio ambiente e na biodiversidade ao alumnado do IESP de Ames. A mostra titulada 'Unha invasión silenciosa. A biodiversidade baixo ameaza' permanece instalada no colexio desde o pasado 23 de outubro, e o martes, 7 de novembro, a equipa ambiental de ADEGA levará a cabo unha visita guiada coa participación dos estudantes do instituto.

O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar e concienciar ao alumnado sobre os problemas ambientais que ameazan os ecosistemas fluviais, ademais de fomentar actitudes e comportamentos que poidan contribuír á súa protección e mellora. Durante a exposición e a visita guiada, abordarase a problemática das especies exóticas invasoras e os seus impactos non só dende un punto de vista ambiental, senón tamén económico e para a saúde humana.

Nesta ocasión, prestarase especial atención aos exemplos de problemáticas relacionadas coas especies exóticas invasoras, tanto a nivel peninsular como galego, e daranse a coñecer as principais especies que afectan aos ríos de Galiza.

O Proxecto Fluviatilis, que promove actividades de educación, sensibilización e educación ambiental para diversos públicos, incluíndo centros de ensino, conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea - NextGenerationEU.

As especies exóticas invasoras representan unha ameaza para os ecosistemas fluviais e a biodiversidade, e a súa divulgación e prevención son clave para a súa xestión sostible. A través destas actividades, ADEGA busca implicar á comunidade educativa no coidado dos ríos e na loita contra estas invasións silenciosas que poñen en risco os ecosistemas acuáticos galegos.

ADEGA achega ao alumnado de Ames os impactos das especies invasoras no medio natural