Ecoloxistas en Acción | nota de prensa
Solicitan a paralización da urbanización das Saamasas
Ecoloxistas en Acción solicita a paralización cautelar inmediata das obras da urbanización que se está construindo na zona de Saamasas en Lugo, xa que están realizando sen a preceptiva avaliación das súas repercusións ao río Miño e por tanto á Rede Natura e á Reserva da Biosfera.
A organización ecoloxista galega denuncia que a construcción dunha urbanización nas Saamasas, a beira do río Miño en Lugo estáse a realizar sen contar coa preceptiva avaliación das súas repercusións sobre a Rede Natura e a Reserva da Biosfera. Sinalan que a avaliación ambiental destas obras é obrigada por afectar directamente a río Miño, ao abeiro dá Directiva 92/43/CEE, relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres.
Ecoloxistas en Acción insta á Consellería de Medio Ambiente, á Confederación Hidrográfica e ao Concello de Lugo a adoptar as medidas oportunas para decretar a paralización inmediata das obras que se están a realizar mentres non dispoñan do Informe de Avaliación das repercusións sobre á Rede Natura.
A Directiva 92/43/CEE do Consello, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, creou unha rede ecolóxica europea denominada Natura 2000 que constitúe un instrumento fundamental da política da Unión Europea en materia de conservación da biodiversidade. A rede Natura 2000 está composta polos lugares de importancia comunitaria (LIC) ata a súa transformación en zonas especiais de conservación (ZEC), polas ditas ZEC e polas zonas de especial protección para as aves (ZEPA).A rede Natura 2000 en Galicia está conformada por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA) e 59 zonas especiais de conservación (ZEC). Entre elas está o Río Miño.
Mediante o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da rede Natura 2000 de Galicia, declaráronse ZEC os 59 LIC existentes en Galicia e aprobouse o seu correspondente instrumento de xestión: o Plan director da rede Natura 2000 inclúe os obxectivos de conservación dos lugares e as medidas apropiadas para mantelos nun estado de conservación favorable.
A organización ecoloxista sinala que aínda que o proxecto da obra estivera aprobado non debera iniciarse sen cumprir co esixido na normativa ambiental. Esta urbanización só se podería levar a cabo despois de que as autoridades competentes se aseguren de que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión e tras someter o proxecto e a súa avaliación ambiental a información pública.
Ecoloxistas en Acción lembra que os órganos competentes, no marco dos procedementos previstos na lexislación de avaliación ambiental, deberán adoptar as medidas necesarias para evitar a deterioración, a contaminación e a fragmentación dos hábitats e as perturbacións que afecten as especies fóra da Rede Natura 2000, na medida que estes fenómenos teñan un efecto significativo sobre o estado de conservación dos devanditos hábitats e especies.