Acampa pola paz e o dereito a refuxio
A Rede Acampa pola Paz será protagonista no XII Congreso do Instituto Internacional pola Pedagoxía Crítica e o Liderado Transformativo
“Incorporar ao profesorado e ao alumnado universitario, interesarlles nas propostas dun movemento como Acampa é clave para lograr unha sociedade con capacidade crítica e un liderado transformador”, destaca Abad
A Coruña, 10 de outubro 2022.- Rede Acampa volta esta mañá a un espazo coñecido, o Kiosco Alfonso. E faio para participar no XII Congreso Anual do Instituto Internacional pola Pedagoxía Crítica e o Liderado Transformativo que nesta edición e baixo a dirección da profesora da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña, Catharyn J. Teasley Severino, inaugúrase hoxe na cidade. O Movemento Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio foi convidado pola organización deste Congreso para explicar aos participantes as liñas principais desta proposta transversal que é Rede Acampa.
“As alternativas antidemocráticas de corte fascista van avanzando preocupantemente en Europa e no resto do mundo. A manipulación das redes sociais e o control dos medios de comunicación por parte de grandes corporacións é tan grande, son capaces de crear tanto ruído, confusión e des-información que cada día resulta máis difícil contrarrestar a súa influencia”, explicará nese foro o coordinador de Rede Acampa, o fotodocumentalista Xosé Abad. “Cada día os gobernos democráticos teñen menos capacidade de manobra para re-equilibrar a desigualdade nun escenario de DemocraciaFicción. “A presión das grandes estruturas do poder económico sobre a política marcan ás regras de xogo, levándonos cara un sistema antidemocrático, que precisa do desprestixio e desmantelamento do tecido organizativo, provocando na poboación desgaste, desánimo, individualismo e medo. As catro chaves que abren a porta do fascismo”, sinala Abad. E é aí onde movementos como Acampa pola Paz adquiren un papel necesario, imprescindible para vertebrar á sociedade crítica que se nega a renderse.
Segundo datos do Ministerio de Interior, en España hai unhas 120.000 Ong. No mundo son mais de 10 millóns. O seu alcance e influencia chega a miles de millóns de persoas interesadas en actuar na defensa dos Dereitos Humanos. A isto súmanse sindicatos, organizacións políticas de corte progresista, e miles de asociacións da sociedade civil que desde diferentes áreas da cultura e a educación expresan a súa preocupación polos Dereitos Humanos, e a xustiza social, lembra o coordinador da Rede. “Cada unha desas organizacións teñen a súa propia capacidade de influencia na sociedade. Pero todas elas poden conforman unha forza transformadora e de gran alcance, no momento no que sexamos conscientes e capaces de articular unha estratexia común sobre a base dos elementos que nos unen, por exemplo e como é o noso caso, a Defensa dos DD. HH.”, sinala Abad.
O coordinador da Rede relatou as orixes de Acampa na Coruña, en 2016, ao fío das convocatorias contra a Guerra en Siria, onde dúcias de organizacións propoñían mobilizacións e actos cun mesmo fin, gritar Non á guerra, obtendo resultados desiguais e minoritarios. “Acampa naceu entón coa vontade de propiciar a cultura da unidade e a de contrastar e facilitar información veraz e de primeira man. De ser unha Rede capaz de atraer a centos de organizacións, persoas, institucións e cidades que puidesen sumarse sen renunciar a súa propia identidade organizativa nin á súa dinámica de traballo”.
Traspasando fronteiras
Nestes sete anos de duro e desinteresado traballo, Rede Acampa alcanzou unha importante capacidade de influencia e repercusión social, consolidando un modelo que funciona e traspasa as fronteiras. Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio vai sumando cidades, como Madrid, Lisboa (Portugal,) San Cristóbal das Casas (México) e Piracicaba, en Sao Paulo (Brasil) cidade que precisamente en novembro celebrará o seu primeiro Encontro Internacional Acampa Pola Paz.
Xosé Abad destacou, por último, o importante acordo alcanzado coa Universidade da Coruña que, grazas ao compromiso docente de varias profesoras, abordará traballos que profundarán no tema central do Encontro Internacional Acampa pola Paz de 2023, “Odio ou Convivencia“. “Na estratexia de Acampa, incorporar ao profesorado e ao alumnado universitario é clave para lograr unha sociedade con capacidade crítica e un liderado transformador”, concluíu.
O XII Congreso Anual do Instituto Internacional pola Pedagoxía Crítica e o Liderado Transformativo celebrarase desde hoxe e ata o venres na Coruña. O Instituto ten base na Universidade de Calgary de Canadá baixo a dirección da catedrática Shirley Steinberg. Cada ano realízase nun país diferente e conta cun grupo de asistentes procedentes de universidades de diversos países do mundo, profesionais do campo internacional da pedagoxía crítica (baseada no pensamento de Paulo Freire) e parte do apoio mutuo pois os obxectivos, as epistemoloxías e as metodoloxías críticas que fomentan non reciben o apoio de quen detenta o poder hexemónico nas Ciencias da Educación. Este congreso rompre regras pois non aspira nin a facer méritos nin fórmulas supostamente eficaces e universais porque esas finalidades non adoitan contribuír á construción (educativa) dun mundo máis xusto. O Congreso está dirixido pola Profesora Catharyn J. Teasley Severino. Dpto. de Pedagoxía e Didáctica Faculdade de Ciencias da Educación da UdC.