Acampa pola paz e o dereito a refuxio
“Siria converteuse nun psiquiátrico enorme”, asegurou a fotoperiodista Natalia Sancha en Acampa
udith Prat, que expón as súas fotografías sobre as vítimas dos secuestros de Boko Haram, relatou o dobre drama destas nenas e mulleres. “No mellor dos casos, cando son liberadas, o retorno ás súas comunidades é complexo, son rexeitadas elas e os seus fillos froito das violacións”.
A Coruña, 22 de xuño de 2019.- Natalia Sancha, unha das fotoxornalistas que expoñen en Acampa Coruña 2019 achegou á cidade a realidade das mulleres sirias no marco da guerra que destruíu o seu país. “Siria converteuse nun psiquiátrico enorme; a ferida máis grave do país é a psicolóxica”. Esta voz autorizada no conflito, que se asomou á realidade das mulleres sirias, insiste na superposición das feridas; as físicas son atroces, as emocionais, máis invisibles, igual ou máis profundas”. Sancha sorprende ao afirmar que “os refuxiados son os “burgueses” da guerra, os que puideron saír do país. Despois están os desprazados, que simplemente han fuxido dos seus pobos destruídos a outros próximos, dentro dunha terra devastada. Pero hai outros aínda máis vulnerables, sobre os que poñer o foco, os que non poden saír, unhas vítimas ás que os medios e os xornalistas, moitas veces, nin chegamos”.
Xunto a Sancha, o plantel de fotoxornalista presentes a Acampa 2019 complétase con Anna Surinyach, Judith Prat e Lorena Ros. As imaxes de Surinyach reflicten o drama das mulleres e os nenos que cruzan o Mediterráneo, sempre no peor lugar da barcaza, sempre sometidas a máis riscos… A fotoxornalista denuncia o agravamento desa realidade no tempo. “En 2014 e 2015 era difícil atoparnos unha embarcación con cadáveres; Se ocorría, protagonizaría todas as portadas en todos os medios do mundo”, explica. “En 2017 xa case non era noticia polo frecuente”. Surinyach insistiu en que, ao seu xuízo, “ hai que facer esas fotos pero tamén hai que buscar outros ángulos que fagan reflexionar, hai que fuxir da reiteración e hai que poñer historia, relato, detrás de cada unha desas miradas”.
Para Judith Prat nos conflitos armados as mulleres son sempre vítimas de múltiples violencias xa que sofren a violencia xeral, a sexual e, posteriormente, o estigma. No seu traballo sobre os secuestros de Boko Haram, en Nixeria, quixo coñecer qué pensaban as vítimas “porque son moitas as veces en que os xornalistas que nos achegamos a zonas de conflito acabamos obtendo só a versión dos homes, perdéndonos a visión, os matices, que sempre dan as mulleres”. No caso da actividade deste grupo yihadista no norte de Nixeria, “o goberno negou durante anos a existencia destes secuestros; en 2015 recoñeceron 2.000 secuestros de mulleres e tres anos despois 10.000, aínda que as organizacións que traballan no terreo manteñen que moitas máis”. O destino dunha nena ou muller secuestrada por Boko Haram é a violación, a conversión nunha escrava sexual. Cando son liberadas arrastran o estigma da deshonra ante as súas familias, polo que moitas veces son rexeitadas, elas e os seus nenos, froito desas violacións. Hai outro dano sobre elas, explica, unha agresión silenciosa e máis a medio prazo. “Como os secuestros masivos prodúcense, principalmente, nas escolas, os pais decidiron non levar ás nenas ao colexio, as desescolarizan para protexelas, pero con esa decisión tamén lles están negando o futuro”.
Lorena Ros achéganos na súa exposición á violencia de trata, ás cerimonias de juju ( vudú) que lles practican ás mozas nixerianas antes de trasladalas a Europa para prostituílas. “A cerimonia é dunha violencia psicolóxica atroz na que quedan totalmente atrapadas”. A liberdade chegará se pagan a súa débeda, 50.000 dólares. E págana, asegura Lorena Ros, co seu corpo. Cando Ros empezou a traballar neste tema, descubriu que a prostitución nixeriana que chegaba ás rúas de Barcelona, París ou á Casa de Campo de Madrid proviña dunha mesma rexión. Así que foi á orixe desta horrible viaxe. Unha área dunha profunda tradición animalista, berce da escravitude desde 1.400, explica. Ao longo dos séculos variou a cáusa pero sempre foron escravos de múltiples cousas. “No século XXI esa escravitude é a trata”.
Este mediodía, Laura Alfaya, a autora de “ Refugeat”, un libro coas receitas de refuxiados sirios, iraquies, somalís sudaneses e kurdos recollidas no campo de Ritsona, en Grecia, cociñou en Acampa. “Cando chegamos a Ritsona, na Semana Santa de 2017, comprobamos moi pronto a importancia da comida como un vehículo que reconectaba aos refuxiados coa terra que deixaran atrás, coa súa cultura, e co grupo”, explica. “Esas receitas eran, para todos, terapéuticas”. Na réplica do campo de refuxiados asentado nos Xardíns, Alfaya cociñou para os que ata alí se chegaban, dous das receitas recollidas en Refugeat, humus e shorba (un guiso de lentellas).