Mujeres que cuentan

Olga Dourado: “Teño a experiencia necesaria para transformar a burocracia europea nunha vantaxe para Galicia”

Olga Dourado é rianxeira e exerce como tal, o seu pai, Manuel Dourado Deira, en tempos da ditadura, tróuxo o busto de Castelao doado polo Padroado de Cultura Galega en Montevideo, case en rebeldía, e desde entón, este símbolo do galeguísmo, preside o paseo da Ribeira de Rianxo. A candidata do Partido Galego a eurodeputada deixou o seu sinal en Compostela, cidade onde a lembran e recoñécena pola súa melena cor vermello lume.

 

Olga Dourado: “Teño a experiencia necesaria para transformar a burocracia europea nunha vantaxe para Galicia”
Olga Dourado
Olga Dourado

Dourado é vital, apaixonada e unha excelente xestora, foi capaz de sacar plans xerais en concellos conflitivos, poñer de acordo a tres administracións para evitar a quebra da Sinfonica de Galicia e evitar a devolución de moitos fondos europeos en subvencións,grazas ao seu excelente coñecemento da Administración Pública (burocracia). 

E partidaria da política de consenso e rexeita a confrontación no eido da política, galega por berce e europeísta porque “non se pode vivir de costas a quen nos garanta a prosperidade e a paz durante tantas décadas”. 

“Galicia debe falar en europa, somos xente orgullosa das nosas raíces”

Como definirías o teu traballo, a túa ocupación actual?

Son unha candidata ideal para representar a Galicia nas eleccións europeas e preséntome como cabeza de lista do Partido Galego. No eido profesional levo máis de 30 anos como servidora pública xa que pertenzo ao corpo de Funcionarios de Administración Local con Habilitación de carácter Nacional, na subescala de Secretaría-intervención. A miña labor consiste en asesorar, dar fe pública (coma os notarios) e fiscalizar e controlar o gasto público, aínda que na  práctica tamén se fai moitísimo traballo de xestión, ordenación e organización  así como de interconexión cos responsables das distintas Administracións para acadar os obxectivos. Gracias a esa intensa profesión, que levo exercendo dende os 27 anos, en distintos Concellos de Galicia, coñecín todos os currunchos da nosa terra e conectei coas diversas sensibilidades, problemas, tradicións e formas de vida puramente galegas. O meu último destino, como Secretaria-interventora do Consorcio para a promoción da Música, que xestiona á Orquestra Sinfónica de Galicia, e as súas agrupacións corais, xuvenís e infantís destaca a nivel nacional e internacional. Logrei sacar ao Consorcio dunha situación económica precaria así como modernizalo, adaptándoo á administración electrónica. Teño a función de dirección dos equipos administrativos e traballar en equipo, e potenciar as distintas capacidades de cada traballador, é o meu espazo natural.  Ademais de variados cursos de Dirección e administración pública, urbanismo, dereito autonómico, son experta universitaria en Programación Neurolinguistica, coaching e liderazgo.

Traballei moitos anos na administración pública, centrada en políticas de desenvolvemento local, cultural e medioambientais. 

Decidín presentar a miña candidatura ás eleccións europeas porque creo na necesidade de que Galicia teña unha voz forte en Europa.

Qué che fai única?

Son filla de Manuel Dourado Deira, mestre, escritor e xornalista, que me inspirou e me fixo amar esta terra. Tamén de Avelina González Rodríguez, muller sabia e valente, que me motivou a ser forte e independente.

Estou casada cun compañeiro que sempre me apoia, e teño dúas fillas que son a miña motivación de futuro. Teño tamén unha irmá que nos procuramos un cariño mutuo. No eido profesional teño unha grande experiencia no eido das administracións públicas pois, como xa dixen, levo máis de 30 anos como servidora pública.

Grazas a esta profesión, coñezo ben esta terra e as súas necesidades. Traballei en en distintas provincias, nos concellos de Rairiz de Veiga, Ourense; Galende, Zamora; Corcubión e Zás na Coruña. En Lobeira e durante a baixa maternal estiven co meu home en Boston, cando el traballaba no MIT, onde descubrín as capacidades e a boa valoración dos galegos fóra de Galicia. Ao voltar, fun técnica de auditoría no Consello de Contas de Galicia, onde constatei a dificultade da xestión con tanta burocracia.

Onde mais tempo estiven e atopei estabilidade como secretaria-interventora foi no Concello de A Baña, na Coruña, onde fixen grandes amizades e conseguín moitos obxectivos, como sacar un plan xeral en seis meses. A xestión municipal non ten segredos para min.

En que ocuparías o teu tempo se non necesitaras traballar para manterte?

Como dicía Gandhi, quero ser o cambio que quero ver no mundo. Son moi practica e executiva. O meu obxectivo hoxe é traer prosperidade para Galicia dende Europa e asegurar que Galicia reciba os fondos e o apoio necesarios para o seu desenvolvemento sostible. Teño o foco en tres áreas clave: primeiro, fortalecer a economía rural e apoiar aos nosos agricultores e mariñeiros, garantindo que teñan acceso a mercados e recursos necesarios. Segundo, impulsar a transición cara ás enerxías renovables e a economía verde, aproveitando o noso potencial en enerxía eólica e mariña. Terceiro, defender a cultura e a lingua galegas no ámbito europeo, promovendo a diversidade cultural e lingüística.

Os principais obxectivos que queremos acadar, se saímos elixidos, son asegurar que todos os fondos, empezando polos fondos Next Generation, se distribúan tendo en conta a nosa posición estatística no mundo. Queremos implantar empresas de I+D+i que favorezan o posible retorno dos nosos talentos espallados polo mundo. Así mesmo, temos en conta a nosa posición como euro-rexión e a relación con América, permitindo a implantación de moitas empresas que non destrúan o medio ambiente.

Estamos en contra de Altri, porque cremos que o investimento dos fondos Next Generation nunha empresa altamente contaminante que vai destruír a nosa biodiversidade e contaminar os nosos ríos non ten sentido como parte dunha transición ecolóxica, que é para o que están destinados eses fondos. Os nosos retos están asentados en tres vértices: o medio ambiente, o tema social ca recuperación do talento, e o tema económico. Non podemos ter tanta riqueza natural, como bosques autóctonos, rías e ríos únicos, e non aproveitar o talento galego espallado polo mundo para crear empresas exemplares en Europa.

Eses fondos deben ser repartidos en empresas sostibles e respectuosas co medio ambiente. Isto é posible, pero para iso é moi importante que todas as medidas sexan claras no sector no que se traballa. Temos que escoitar aos nosos traballadores do mar, aos nosos agricultores, e a xente dos sectores produtivos.

É importante que a lexislación europea sexa sensible á nosa realidade local, permitindo que os fondos cheguen a Galicia e beneficiando así o desenvolvemento sostible e respectuoso cos nosos valores culturais.

Cando e por qué  razón déronche as grazas ultimamente?

Ultimamente agradecéronme preocuparme por resolver con eficacia a carga burocrática que ten a administración pública. Atopámonos cunha burocracia tan afastada do cidadán e tan labiríntica, que as empresas é os  particulares non son capaces de acceder a estes fondos. Por iso é superimportante tomar conciencia, por parte da poboación do noso país, de que o que se move en Europa ten unha repercusión directa nas leis do país, tanto nas estatais como nas autonómicas. É crucial que en Europa se saiba rescatar ou aproveitar todo o que é inmediatamente beneficioso para o noso país.

Nós, pola nosa tradición, temos uns procedementos moi longos que non fan viables o acceso dos titulares do noso patrimonio, que son a esencia das nosas aldeas e pobos, a estes fondos. Así, os nosos pobos perden esencia, ou están espoliados por xente de fóra, sen a repercusión desexada. Refírome a estranxeiros que compran aldeas enteiras e as dedican a explotacións de outro tipo de negocios que non reverten realmente nos valores locais.

Creo que o valor cultural que temos para aportar en Europa é importantísimo. Esta esencia dos nosos pobos fai que a lexislación europea sexa clave para que este retorno dos fondos se poida materializar nesta realidade.

Tamén traballarei para que se recoñezan e apoien economicamente proxectos que promovan a nosa cultura e patrimonio. É crucial que Galicia non só participe, senón que tamén enriqueza o mosaico cultural europeo.

O meu obxectivo hoxe é traer prosperidade para Galicia dende Europa e asegurar que Galicia reciba os fondos e o apoio necesarios para o seu desenvolvemento sostible. 

É importante que a lexislación europea sexa sensible á nosa realidade local, permitindo que os fondos europeos cheguen aos nosos pobos e aldeas, preservando a súa esencia e fomentando un desenvolvemento sostible e respectuoso cos nosos valores culturais.

Como titularías a película da túa vida?

Olga, unha forza da natureza galega (coma me definen algunhas amizades)

Olga Dourado 01
Olga Dourado

Quédanche soños por cumprir?

Quédame por cumprir ser a persoa que consegue resolver a situación do rural galego. Para min, a despoboación das aldeas dos nosos pobos ten unha raíz clara: non hai oportunidades de traballo e asentamento. Os galegos somos coñecidos por sermos expertos na migración. Noutras épocas marchamos porque non tiñamos esas oportunidades aquí, pero montamos imperios económicos no exterior. Temos unha gran capacidade que non se traduce na nosa propia comunidade. O meu obxectivo en Europa é facer viable que as nosas aldeas e pobos teñan pequenas empresas dotadas de fondos e alta tecnoloxía, permitindo o retorno de toda a intelixencia galega espallada polo mundo e formada nas tres universidades galegas.

Somos unha rexión con tres universidades, unha delas a de Santiago de Compostela, con máis de 500 anos de historia. Falamos de coñecemento, que unha vez fóra, como no caso do meu home, que estivo no MIT, unha das máis prestixiosas universidades do mundo, atopa traballo suficiente. Hai moito talento espallado polo mundo que debe retornar. Os galegos amamos a nosa terra; gustamos de viaxar e coñecer, pero sempre queremos volver a casa. Iso forma parte dun sentimento, a morriña, que non ten tradución noutras linguas. Queremos vivir na nosa terra, ampliar coñecementos fóra, pero volver sempre.

O meu home tivo oportunidades moito maiores fóra, pero quixo retornar. Agora é catedrático na USC. A miña filla está en Dubai cun bo cargo. Por qué non podemos facer o mesmo cos nosos mozos aquí? Trátase de canalizar fondos e iniciativas. Se un partido nacionalista, como os cataláns, pode servir de chave para o goberno español, nós podemos facer moito en Europa. Pero ten que ser un partido que ame a súa terra, que vibre con ela. O partido galego vibra con ese sentimento de pertenza e pode facer moito pola nosa terra, devolvéndolle o que ela nos dá.

Dende o Parlamento Europeo, traballarei para asegurar a financiación de proxectos que xeren emprego e melloren a calidade de vida nas zonas rurais e mariñeiras. Isto inclúe a mellora de infraestruturas, o acceso a servizos básicos como a educación e a saúde, e o fomento de iniciativas empresariais locais. Ademais, promoverei políticas de apoio aos mozos emprendedores rurais e programas de capacitación para a modernización da agricultura e a pesca.

Que causas temes?

Temo que os galegos perdan a súa voz e as súas reivindicacións en Europa, onde se deciden as leis e se reparten os fondos. Aos votantes galegos dígolles que esta é unha oportunidade histórica para facer escoitar a nosa voz en Europa. Pídolles o seu apoio para levar adiante un proxecto que busca o benestar e o progreso de Galicia dentro do contexto europeo. Xuntos podemos construír un futuro máis próspero, sostible e orgulloso das nosas raíces. Galicia ten moito que achegar a Europa e, co seu voto, podemos facelo realidade.

Teño medo dunha mala xestión da transición enerxética, repetindo o modelo das celulosas. Galicia ten un enorme potencial en enerxías renovables, especialmente en enerxía eólica e mariña. A miña visión é que Galicia se converta nun referente en Europa na produción e exportación de enerxía limpa. Para logralo, é fundamental atraer investimentos en infraestruturas e tecnoloxía, así como fomentar a investigación e desenvolvemento neste sector. Tamén é importante asegurar que esta transición sexa xusta, apoiando aos traballadores que poidan verse afectados polo cambio de modelo enerxético.

En canto á transición enerxética, está claro que non se está a facer dun xeito sostible nin con retorno para o pobo galego. Sei por experiencia propia que, aínda que se aprobaron por decreto medidas para facer parques eólicos singulares, estas foron impugnadas e entraron nunha xudicialización permanente que impediu a súa implantación. Creo que os parques eólicos singulares serían unha solución viable para xerar enerxía propia, abastecendo o alumeado público e as instalacións municipais, liberando así os concellos dunha carga económica considerable. En Galicia, a carga económica do alumeado público é elevadísima debido á dispersión poboacional, polo que esta medida sería moi beneficiosa.

Tamén consideramos que non se poden colocar parques eólicos de calquera maneira, xa que hai que atender aos problemas de biodiversidade. Todos os que se instalen deben ter un retorno para o pobo galego. Non podemos seguir pagando o mesmo prezo pola enerxía eléctrica que outras cidades que son vampiros enerxéticos. En Galicia, padecemos as consecuencias adversas da produción de enerxía, pero non recibimos un retorno axeitado.

É importante que a Unión Europea clarifique cales son os sectores produtivos e como poden garantir un retorno evidente para nós. Non podemos seguir pagando o mesmo prezo polos quilovatios que en grandes cidades. Isto promovería a implantación de empresas de alto valor engadido en Galicia, xa que o prezo da enerxía sería máis baixo.

Una meta alcanzada y outra por conseguir?

A miñas metas alcanzadas foron moitas. Como secretaria-interventora no Concello de A Baña, na Coruña, onde quedaron fortes lazos de amizade, conseguín moitos obxectivos, tales como sacar adiante un plan Xeral en seis meses. Tamén son experta en sacar adiante a concellos de situacións económicas precarias. Exercín con intensidade a miña profesión, e gracias a ela, coñecín todos os recunchos  desta terra e as súas necesidades.

No plano persoal estou satisfeita ca miña vida. Teño unha familia amorosa, un bo espacio onde vivir e desfruto da miña terra e das miñas amizades. Fago moito crecemento persoal e practico danza en distintas versións, xa que o coidado do corpo e do espírito foi algo que nos inculcou meu pai dende a infancia. Resúltame moi pracenteiro pasear polos nosos carreiros e desfrutar das nosas praias.

E o meu próximo obxectivo e chegar a ser europarlamentaria para  que a nosa voz se escoite en Europa e fagamos posible un mellor futuro para Galicia a través de Europa. Para elo é indispensable contar con todos vós. Digo isto a toda esa xente que forma parte desta nación de Breogán e a todos aqueles que gozan das nosas praias, da nosa cultura, da nosa gastronomía, do noso patrimonio e das nosas festas para facer do noso país o mellor do mundo. Co apoio da maioría aseguraremos que Galicia teña unha representación forte en Europa, facendo valer os nosos intereses e asegurando que os recursos e políticas europeas beneficien directamente ao noso pobo. 

Nunca te deitas sen…

Falar coas miñas fillas que están traballando e estudando lonxe, repasar o meu día co meu marido e sen escoitar ou bailar unha música que me inspire pensamentos positivos. Creo firmemente que o pensamento xera emocións e son unha fervorosa defensora dun pensamento construtivo.

Olga Dourado: “Teño a experiencia necesaria para transformar a burocracia europea nunha vantaxe para Galicia”