Música

As cantigas do lobishome que fixo da rave o seu refuxio

O 12 de decembro, o escenario da sala Mardigras foi o lugar sinalado para acoller non só a presentación do EP Meu Ceu, senón a rebelación dun concepto con nome propio: Eris Mackenzie.

 

As cantigas do lobishome que fixo da rave o seu refuxio
Eris
Eris Mackenzie

Fai xa bastante tempo que o cativo de Castelo que atopaba o seu lugar feliz experimentando cos sons no seu cuarto, deu o paso definitivo para converterse no artista que ten un imaxinario propio polo que vai apostar a todo ou nada. Durante este tempo, foi cociñando as expectativas de quen esperaba a un ansioso lume lento de mimo, perfeccionismo e autoexixencia. Ata tal punto que as ditosas expectativas ou eran colmadas ou tirabamos o camión.

Antes de que Eris subise ao escenario, o show presentábase a si mesmo, plantando a primeira columna mestra deste proxecto: A música tradicional galega. Facíao da man das cantareiras da asociación Son D’aquí, que foron as encargadas de abrir a noite.

A Mardi estaba chea ata os topes. Eris e o seu equipo anunciaran un rapidísimo Sold Out para esta estrea fundamental na carreira en solitario do artista que non se subiu ao escenario só. Ao seu lado estaban Paula Espada e Serxio Castro. Ela cantante, percusionista e bailadora tradicional e el saxofonista e teclista.

Sería sinxelo definir o concepto de Eris Mackenzie como unha fusión entre a música tradicional galega e o minimal-tecno, pero tamén sería un erro porque, aínda que sendo certo, con iso non facemos máis que rabuñar a superficie da intrincada miscelánea que creou.

A linguaxe musical de Eris é unha expresión sonora dunha viaxe polo interno. Unha exploración que ten, como non podería ser doutra forma, subidas e baixadas. Explorarse a un mesmo implica complexas batallas e descubrimentos marabillosos. Hai un algo da música de Eris que vén dicirche que só se pode calar o estrondo da propia cabeza entre o ruído e o gentío dunha rave. Dalgunha forma, convídache a gozar do caos para fuxir cara a dentro, moi dentro, alí onde non chega a luz e todos somos arestas. E alí, no profundo, todo sería tebras se non fóra polo propio lume, algo atávico que se corresponde con ese compoñente de raíz que ten o concepto de Eris. A música folclórica fai gala do poder de vehicular de maneira perfecta o escuro, o triste, o misterio do ánima. Por iso a mestura resulta tan crúa e radical porque é capaz de entretejer aquilo que comparten o salvaxe e o industrial. Aínda sendo sobrio e minimalista, ten a mesma sutileza que unha puñada no estómago. É dicir: é bruto, déixache sen aire e obrígache a preguntarche que que fas aquí.

Este brutalismo espido aparece tamén no Eris que escribe. Son letras propias dun realismo sucio que é esencial e directo ao óso. Non hai adornos, só un código propio que dota aínda máis á obra dese carácter persoal e asombrosamente íntimo. Eris escribe sobre el, sobre a súa vida, sobre a súa cabeza, sobre os seus monstros e sobre as súas vitorias. Cando quere adornos, toma prestadas as palabras para reinterpretarlas á súa medida e universo. Versos antigos, de coplas tradicionais por exemplo, que trae a esta festa electrónica de aldea. 

 

 

Así, a obra de Eris Mackenzie rebelouse como unha arte total na que cada parte intégrase no todo de forma coherente e harmónica. O artista desenvolveu cada detalle ata converter o seu selo nun concepto estético que, ademais, representa á perfección quen é el mesmo.

 No escenario, Eris volve ser un pouco o cativo de Castelo que é feliz trasteando coa música. Sobre todo cando sae de si mesmo e comparte o momento co público e cos compañeiros de tarima. É fácil, entón, ver a ilusión, a paixón e o esforzo que culmina nun broche de ouro coa acollida entre aplausos deste primeiro traballo. Aínda que é innegable tamén, que no seu performance, Eris non pode subtraerse ao diálogo interno que mantén coa súa propia creación e hai momentos onde podemos verlle absorto, evidenciando esa viaxe polo interno da que xa falamos e que caracteriza tantísimo a súa arte.

 Meu Ceu xa está dispoñible en todas as plataformas. Son 6 temas, 22 minutos, que sintetizan a epopea deste lobishome que ten toda a intención de tirar do mantel da música galega e darlle a volta á mesa se fose necesario. É un comezo, un primeiro paso nesta nova dirección, pero retumbou o suficiente como para que o eco do mesmo fixéranos virar o pescozo expectantes por todo o que estar a chegar .

A vida e a propia mente poden converterse nun foxo do lobo que nos atrapa  sen remedio e do que Eris Mackenzie atopou unha forma de liberarse, deixando ao seu paso a resonancia dun ouvido salvaxe e vibrante que co seu ritmo contaxioso púxonos a bailar.

 

As cantigas do lobishome que fixo da rave o seu refuxio