Orzamentos participativos

A participación é cousa de paciencia

O encontro presencial do programa de orzamentos participativos chegará este luns aos Mallos. Será no Centro Cívico a partir das 18.30 horas.

A participación é cousa de paciencia
2-min
Rosa Muñiz con dúas rapazas ás portas do Centro Cívico dos Mallos este venres.

Rosa Muñiz viste cazadora azul e camiseta fucsia. “As cores corporativas, e sen decatarme diso”. Está tarde de venres no Centro Cívico dos Mallos hai movemento, porque hai baile para maiores. Rosa reparte folletos e información entre a xente que espera a que comece a música e busca rapazas e rapaces. Non hai. Até que aparecen dúas mozas, que sentan á porta do centro, xusto para protexerse da choiva e pillar wifi.

Son as cinco e Suso acaba de aparcar o bus itinerante dos orzamentos participativos diante das caixas do centro. Moderno por fora e clásico por dentro. Hoxe tocan os do Dúo Élite. Suso é quen advirte que as mozas están alí pola wifi. Rosa, que veu na súa furgoneta -o bus é unha gran plataforma publicitaria, branco, azul e fucsia, no interior os asentos da liña regular, e hoxe como pinga non sacan a mesa e as cadeiras-, dille ás rapazas que o luns haberá alí un encontro no que a veciñanza poderá propoñer actuacións para o barrio e para a cidade. Pero o luns teñen clase.

“O que facemos nos encontros é trasladar información á xente. E sobre todo, axudala a rexistrarse na web para que poidan facer achegas. Aos encontros acode xente maior, que son os que teñen os problemas coa informática. Estamos nós, os do equipo técnico, e aparecen doce ou quince persoas. É o segundo ano e a cousa precisa tempo”.

3-min

Van xa dúas semanas de recollida de propostas cidadás sobre onde e en que investir eses tres millóns de euros -200.000 por distrito, e 1 millón para actuación que afecten a toda Coruña-, e as demandas teñen que ver con cuestións de mobilidade urbana, espazos de xogos para crianzas, equipamentos. “O que máis se nota é que a xente pensa no barrio, e moi pouco a nivel de distrito ou de cidade”, explica Rosa, que espera que o proceso sirva para “tomar conciencia de que hai problemas compartidos por diferentes colectivos, cousas que abordar en común, e tamén para que o cidadán mire máis alá do mobiliario urbano”.

Até o 21 de maio o proceso estará na fase de recollida de propostas. Pódense facer na web (aquí) e tamén a través do bus itinerante ou nos encontros. Despois dos Mallos, o martes na Silva. Tamén se habilitaron puntos de información nas bibliotecas municipais, no CMIX do Fórum e na Federación de Asociacións Veciñais. A finais de mes comezará a fase de votación das propostas e despois contrastarase a viabilidade das elixidas. Esta tarde nos Mallos a música esperta máis interese co bus, pero Rosa non se desanima. “Participa pouca xente, pero máis que o ano pasado”.


 

A participación é cousa de paciencia