Orzamentos participativos

Recuperar territorio para espazos verdes, a demanda urxente nos Mallos e distritos veciños

A web municipal rexistra no distrito 8 unha petición para peonalizar a rúa Industria e no 7 reclámanse zonas verdes para Someso.

Recuperar territorio para espazos verdes, a demanda urxente nos Mallos e distritos veciños
rua Industria-min
Rúa Industria, xunto ao parque de Santa Margarita e o Pazo da Ópera.

Humanizar a cidade desde Juan Florez sen afectar ao tráfico rodado, recuperación integral da zona de Casablanca e Praia de Oza, peonalizar a rúa Industria... no distrito 8, no que se integra o barrio dos Mallos, as respostas da veciñanza ao convite de participar nos orzamentos municipais apuntan, como no resto da cidade, a melloras nas rúas, humanizacións e incremento de zonas verdes. Nos Mallos, coma en toda a cidade, o que se pide é unha Coruña amable cos veciños e menos cos automóbiles.

A proposta de peonalizar a rúa Industrial é sintomática das necesidades que advirte a cidadanía nos seus barrios. Foi unha das primeiras en saltar á rede, o día 26. O prazo estará aberto até o 21 de maio, e ademais da opción dixital, habilitáronse puntos físicos de recollida de suxestións e mesmo un bus itinerante que nos Mallos estará o día 12, e tres días antes no Centro Cívico celebrarase un encontro presencial.

O que se pide no caso da rúa Industria é unha humanización eliminando os coches e o aparcadoiro xa “que non ten moito tráfico” e podería ampliarse “o pequeno xardín que separa a avenida de Arteixo da rúa”. A veciña que fixo a achega subliña que “a orientación [do lugar] é moi boa posto que dá o sol toda a tarde” o que permitiría colocar terrazas axudando a revitalizar o comercio na zona “e sería un espazo moi agradable para as persoas do barrio”.

No distrito 8, no que até onte a web tiña recollidas nove achegas, tamén se suxiren actuacións na rúa Merced. As dúas propostas respecto dela coinciden na necesidade de recuperar o pulo comercial aproveitando os espazos existentes. O veciño que asina como B., indica que hai unha galerías e un mercado, que teñen conexión coa avenida de Oza e pide “escoller un destes mercados e municipalizalo, así activaríamos o comercio na zona e aproveitaríamos uns espazos deteriorados”.

As outras achegas teñen que ver con reclamacións de equipamentos, e mesmo unha delas suxire “cancelar as concesións da cafetaría Manhatan para a súa demolición e adecuación ao futuro nodo de transporte público na praza de Pontevedra”.

Lugares de esparcimento nos ollos dos veciños do 7

No distrito 7, que integra da Estación até o Ofimático e Someso, as demandas cidadás tamén inciden na necesidade de aumentar as zonas verdes (incluíndo hortas urbanas en Oza) e as dotacións saudables e deportivas (un carril bici desde a rúa Monelos cara o centro, por exemplo).

O parque de Oza é o espazo ao que máis se refiren os veciños do distrito nas súas primeiras achegas, ademais das hortas, reclámase un servizo de préstamo de bicicletas no parque. A conveniencia dunha ampliación dos espazos verdes chega até Someso. Unha das propostas pide que se considere a posibilidade de dotar á zona de xardíns, “despois de que a construción do centro comercial, de ExpoCoruña e das torres remataran coas zonas verdes nesta parte da cidade”.

O investimento previsto por distrito respecto do cal poderán tomar decisións os veciños é de 200.000 euros. En total serán 2 millóns para os dez distritos e 1 millón máis para actuacións que afecten ao conxunto da cidade.

No distrito 6, que marca o límite entre A Gaiteira e O Castrillón, hai inda poucas achegas, apenas tres. Dúas refírense a mobilidade e a terceira a espazos de lecer aberto para nenas e nenos, hai necesidade de recuperar ese territorio que a burbulla construtiva dos últimos 30 anos non conseguiu papar ou foi abandonando.


 

 

Recuperar territorio para espazos verdes, a demanda urxente nos Mallos e distritos veciños