Pazo de Meirás
As e os 19 de Meirás califican de “moi boa noticia” a senteza sobre o Pazo
Amósanse orgullos@s da acción realizada o 30 de agosto do 2017 e reclaman que a denuncia que pesa sobre as e os 19 activistas sexa definitivamente arquivada
Sinalan que a sentenza “aínda non é firme, cómpre manter a presión e a loita até que todo o patrimonio espoliado sexa definitivamente devolto”
Galiza, 2 de setembro do 2020.- As e os 19 de Meirás fixéronse eco da sentenza feita pública na mañá de hoxe, na que o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña declara que o Pazo de Meirás é do Estado e ordena á familia Franco a súa devolución. “É unha moi boa noticia, froito da presión e da loita incansábel durante moitos anos de colectivos e activistas da memoria histórica na Galiza” sinalan.
“A acción realizada o 30 de agosto do 2017 polas 19 de Meirás, coa ocupación simbólica e pacífica do Pazo, centrou o foco mediático e político nesta cuestión, contribuíndo a que a petición da devolución do Pazo sexa un clamor social e hoxe poidamos ter esta sentenza” explican desde @s 19 de Meirás. “Sentímonos orgullosas e orgullosos do que fixemos, en defensa da democracia, da liberdade e da memoria das vítimas dunha cruenta ditadura que espoliou innúmero patrimonio e deixou milleiros de mortos na nosa terra ” sinalan.
Desde as e os 19 de Meirás lembran que sobre eles pesa aínda a denuncia dos Franco, con peticións de penas de ate 13 anos de cadea por cada activista, e até medio millón de multa “simplemente por reclamar que o Pazo é do pobo galego e denunciar o espolio franquista na Galiza” sinala Louzao, voceiro d@s 19 de Meirás. “Hoxe esa denuncia ten menos sentido ca nunca e debe ser arquivada” sentenzan.
Louzao lembra que “a sentenza aínda non é firme, polo que cómpre manter a presión e a loita ata que o Pazo de Meirás, e todo o patrimonio espoliado pola ditadura franquista, sexa definitivamente devolto ao pobo galego,” conclúe.