Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade
Aberto até o 27 de novembro o prazo de candidaturas ao premio Marcelino Liste
As entidades e persoas da comarca da Coruña deberán enviar as súas propostas á Concellería de Culturas do Concello herculino ou, vía mail, ao enderezo electrónico [email protected], entre os días 6 e 27 de novembro.
BNG | Deputación da Coruña | 6/11/2017
Este luns ábrese o prazo para a presentación de candidaturas da primeira edición do Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade, que se fallará a primeira semana de decembro, sendo entregado o galardón o día 15 e decembro no Club do Mar de Santo Amaro.
"Marcelino Liste é una figura inevitábel dos últimos anos da ditadura franquista e dos primeiros da Transición democrática, polas súas reivindicacións para mellorar as condicións de vida nos barrios coruñeses e tamén pola súa loita contra as ilegalidades urbanísticas na cidade", explicou Ricardo Vales, un dos representantes do Foro Cívico que se reuniu coa vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín e o concellal de Culturas, José Manuel Sande, na presentación do premio o pasado venres.
Manuel Monge, tamén en representación do Foro Cívico, solicitou que a entrega do Premio Marcelino Liste Xustiza e Liberdade se faga cada ano ao redor do 10 de decembro, co gallo do Día Internacional dos Dereitos Humanos.