parlamento europeo
Ana Miranda acusa ao goberno galego de mala xestión e uso caciquil dos fondos europeos
Bruxelas, 23 de setembro de 2024.- A eurodeputada do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Miranda, presentou unha pregunta parlamentar na que traslada á Comisión Europea a súa preocupación pola baixa execución dos fondos europeos por parte do goberno galego. A representante nacionalista basea a súa denuncia no último informe do Consello de Contas, que revela que o executivo galego só executou o 50% dos fondos europeos previstos ata o 2022.
Miranda leva anos advertindo sobre esta situación en Bruxelas. Segundo a eurodeputada, o problema non é só a baixa execución dos fondos, senón tamén a falta de transparencia no seu uso e a "reprogramación interesada" que desvirtúa os obxectivos principais dos programas. “O goberno galego reprograma os fondos de maneira interesada, favorecendo obxectivos curtopracistas e caciquís, en vez de garantir unha boa xestión para o beneficio da sociedade galega a longo prazo”, denunciou Miranda.
No seu documento, Ana Miranda tamén subliña que a propia Comisión Europea recomenda aumentar a transparencia na publicación das axudas e reducir as modificacións de crédito, co obxectivo de evitar un impacto negativo na execución dos fondos. A eurodeputada cuestiona como a Comisión vai garantir que estas prácticas non distorsionen os obxectivos do programa operativo Galicia 2021-2027.
A representante galega no Parlamento Europeo alertou de que a situación non só afecta aos fondos actuais, senón que podería condicionar os fondos do próximo período de programación. Miranda expresou o seu desexo de que un futuro goberno galego poida xestionar os fondos europeos de maneira máis eficiente a partir do 2028.
Ana Miranda tamén destacou que, desde a Comisión de Política Rexional, na que participa como membro, estarán moi atentos á cuestión da absorción dos fondos europeos por parte de Galicia.