Accidente do Alvia
Ana Miranda agradece á comisaria de Transportes da UE o seu compromiso por aclarar as causas do accidente do Alvia
Violeta Bulc empraza a eurodeputada do BNG a manter as reunións periódicas sobre seguridade ferroviaria
Estrasburgo, 16 de abril de 2019.- A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, mantivo esta tarde unha reunión coa comisaria de Transportes da Unión Europea, Violeta Bulc, a quen agradeceu o seu compromiso por aclarar as causas que provocaron o accidente do Alvia, o 24 de xullo de 2013, así como a súa receptividade á denuncia presentada por Miranda en xullo de 2017 contra o Estado español por incumprimento da seguridade ferroviaria.
“Quixen transmitirlle á Comisaria que Europa ofreceu esperanza e xustiza ás vítimas, algo que no Estado español, desgraciadamente, non é posible debido á falta de compromiso de PP e PSOE”, salientou a eurodeputada galega, quen tamén lle agradeceu a Bulc a súa sensibilidade coas vítimas, a cuxos representantes recibiu o 26 de xuño de 2018 e quen puideron comprobar a “frustración” da propia comisaria por non poder obrigar ao Estado Membro a levar a cabo a investigación independente sobre o accidente.
Precisamente a denuncia presentada por Ana Miranda propiciou a apertura de procedemento de infracción contra o Estado español o pasado 24 de xaneiro por infracción do Dereito Comunitario por incumprimento das obrigas de seguridade ferroviaria sobre a avaliación específica do control de riscos. “A respecto deste procedemento de infracción o único que sabemos polo momento é que o Estado español solicitou unha prórroga de dous meses, pero a Comisión quere que se implemente a normativa de seguridade ferroviaria de control de riscos e un plan de acción que a poña en práctica”, sinalou.
No encontro mantido con Violeta Bulc, a Comisaria emprazou á eurodeputada do Bloque a seguir mantendo as reunións periódicas que teñen permitido avanzar no esclarecemento das causas do accidente de Angrois antes de que remate o seu mandato, no mes de novembro. Asemade, Bulc valorou moi positivamente o traballo continuo de Miranda na mellora das medidas de seguridade ferroviaria en Europa.
Intenso traballo
O feito de que a Comisión Europea decidira iniciar o procedemento de infracción dálle a razón ao BNG tras o seu intenso traballo desenvolvido en Europa no obxectivo de buscar a verdade e da xustiza para as vítimas. A denuncia presentada por Ana Miranda denunciábase ao Estado por non facer a avaliación de riscos, en relación co seu control integral e en relación cos cambios substanciais na seguridade ferroviaria que se fixeron no proxecto da Liña Ourense-Santiago, tren Alvia de Viaxeiros de Longa Distancia 150/151 de Renfe Operadora, composto de 13 vehículos e nas condicións de seguridade do “proxecto na Bifurcación A Grandeira”.