PARLAMENTO EUROPEO

Ana Miranda denunciará na Eurocámara a discriminación das mariscadoras galegas

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, levará á primeira Comisión de Pesca da lexislatura do Parlamento Europeo a denuncia pola discriminación que sofren as mariscadoras galegas na convocatoria das "Axudas autonómicas para a paralización temporal das persoas mariscadoras a pé". Miranda critica que o goberno galego do PP non empregue os fondos europeos dispoñibles para protexer a este sector clave.
Ana Miranda denunciará na Eurocámara a discriminación das mariscadoras galegas
Ana Miranda
Ana Miranda

*Bruxelas, 27 de agosto de 2024. A próxima semana, na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Ana Miranda destacará a incompatibilidade das axudas co recoñecemento de dereitos laborais e sociais, como a protección por desemprego e outras prestacións económicas da Seguridade Social. A eurodeputada subliñou que esta discriminación é inaceptable e que como representante galega na Eurocámara, defenderá os intereses das mariscadoras.

"Non podemos permitir que este sector continúe sendo discriminado. No BNG temos moi claro a quen defender: aos nosos sectores produtivos, fronte a proxectos como a macrocelulosa de Altri, que tería consecuencias nefastas para o sector marisqueiro", afirmou Miranda. Ademais, lembrou que a produtividade do sector segue a caer sen que o goberno do PP tome medidas efectivas para revertelo.

Fondos europeos non utilizados

A eurodeputada galega tamén destacou que existen fondos europeos dispoñibles para cubrir seguros en tempos de falta de produtividade e crise, pero lamentou que a Xunta non os estea a usar adecuadamente. Miranda propón un plan de recuperación integral das rías galegas, cunha planificación plurianual e co-financiación da Xunta, o Goberno do Estado e fondos europeos. Tamén suxire a elaboración dun protocolo de baleirado de encoros e a transferencia a Galiza da xestión do litoral e das funcións en materia de ordenación do mar e a costa.

"Non pode ser que se estean perdendo axudas europeas porque a Xunta, co goberno do PP, non estea usando os fondos que existen para que as mariscadoras poidan ter uns salarios dignos e vivir do seu traballo", concluíu Ana Miranda.

Ana Miranda denunciará na Eurocámara a discriminación das mariscadoras galegas