parlamento europeo
Ana Miranda destaca que a aprobación da Directiva Europeia do Audiovisual “é un paso adiante no apoio ao sector en lingua galega”
“É un paso adiante para apoiar o sector audiovisual en lingua galega, tal como Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, defendeu no Intergrupo de Linguas celebrado o pasado mes de abril no Parlamento Europeo”, subliña a eurodeputada.
Ana Miranda explicou no debate sobre a Directiva Audiovisual a Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística chamada "Iniciativa Xabarin", baseada no histórico programa infantil e xuvenil da TVG, que obtivo unanimidade do Parlamento de Galiza. Esta iniciativa explica que a difusión audiovisual en galego é inferior ao 0,83% en programas de calidade, fai referencia ao traballo da produción independente e reclama un trato en igualdade para as linguas oficiais nos territorios da Unión Europea, como é o caso do galego en Galiza.
A eurodeputada nacionalista destacou a necesidade de igualdade no sector audiovisual debido á discriminación existente, e espera que o goberno estatal “cumpra sen demora o votado hoxe na Eurocámara”.
Mañá, 11 de maio, ás 11 horas, Ana Miranda participará nunha rolda de prensa xunto a representantes da Mesa e doutras entidades do sector presentes na Iniciativa polo galego no audiovisual para valorar as consecuencias da aprobación da Directiva do Audiovisual.
A delegación galega que participou no Intergrupo de Linguas da Eurocámara o pasado mes de abril abordou a discriminación do galego desde diferentes perspectivas e contou coas intervencións do presidente da Mesa Galega pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; o vicepresidente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Xosé Lois Ledo; a profesora e investigadora do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC, María Soliña Barreiro; e a deputada no Parlamento Galego, Mercedes Queixas.
Durante a xornada, a delegación mantivo unha reunión de traballo coa eurodeputada da Alianza Libre Europea (ALE), Diana Riba, membro da Comisión de Educación e Cultura do Parlamento Europeo e relatora polo grupo parlamentar da Directiva de Audiovisual europea, así como co Secretariado de Linguas Minorizadas e Rexionais do Consello de Europa.