Eleccións europeas | BNG
Ana Miranda insta aos gobernos galego e central a cumprir a normativa europea sobre a redución de plásticos
A eurodeputada do BNG participou nunha acción simbólica de recollida de lixo na duna de Santa Cruz
Oleiros, 14 de maio de 2019.- A eurodeputada e candidata do BNG ás vindeiras eleccións europeas, Ana Miranda, participou nunha acción simbólica de recollida de lixo na duna de Santa Cruz como forma de enviar unha mensaxe de concienciación a respecto da importancia de reducir e reciclar o uso dos plásticos. “En Galiza, máis do 70% de lixo que se recolle nas praias son plásticos, madeiras e restos dos aparellos de pesca, polo que fai falta poñer en práctica medidas xa para reducir o seu impacto”, salienta.
Para a eurodeputada nacionalista é imprescindible fomentar a concienciación a respecto do uso dos plásticos de un só uso, reducindo o seu consumo, e ao tempo, fomentando a reutilización dos utensilios de plástico que non se eliminen. “Igual que os eucaliptos son unha ameaza para a terra, os plásticos son unha ameaza para o mar e, en concreto, para as costas galegas”, sinala Miranda a respecto dos plásticos atopados nas praias.
“Diante das ameazas que se derivan da acumulación de plásticos, instamos ao goberno galego e ao goberno central a traspoñer a normativa aprobada no Parlamento Europeo”, manifestou a eurodeputada do BNG, para aplicación da lexislación europea vai na liña das medidas que se adopten para frear o cambio climático.
Sensibilización como consumidores
“A sensibilización é un factor fundamental en todos os sectores, en especial na nosa faceta de consumidores, e canta maior sexa a concienciación máis éxito terán as medidas dirixidas a redución do uso dos plásticos”, explica Ana Miranda, quen considera que para acadar una redución significativa do consumo esta debe ir acompañada de alternativas aos consumidores.
No tocante aos restos dos aparellos de pesca, que tamén se atopan ao longo das costas galegas, Ana Miranda defende que os fondos europeos marítimos pesqueiros contemplen axudas e medidas de apoio para fomentar a reciclaxe e cumprir coa sostenibilidade ambiental. “Esta é unha proposta que defendemos nas pasadas negociacións e seguiremos defendendo”, avanzou.