BNG | nota de prensa
Ana Miranda representa ao BNG nos actos de investidura do novo presidente de Chile, Gabriel Boric
Santiago de Chile, 10 de marzo de 2022. A coordinadora de Relacións Internacionais da Executiva do BNG, Ana Miranda, atópase en Chile para participar nos actos de investidura do novo presidente electo do país andino, Gabriel Boric, que terán lugar mañá. “Para o Bloque é unha honra estar convidado aos actos de investidura, xa que Chile se atopa nun cambio político e de paradigma no que demostraron que vencer á dereita é posible”, salienta Miranda.
A portavoz do Bloque en Europa destaca os tres elementos que fixeron posible este cambio histórico en Chile: Por un lado a forza do feminismo chileno, sen o cal a vitoria electoral de Gabriel Boric non se tería producido. Ao respecto, Miranda traslada os parabéns do BNG ao novo goberno pola composición do novo gabinete con maioría de ministras e feministas.
Por outro lado, salienta o recoñecemento da plurinacionalidade, sobre o que Ana Miranda explica que a Convención Constitucional chilena aprobou diversas normas para que Chile recoñeza a plurinacionalidade dos diversos territorios e pobos orixinarios que o compoñen e o plurilingüismo. Finalmente, destaca a necesidade dunha viraxe do neoliberalismo cara a políticas sociais, ecoloxistas e de igualdade, que tenten superar o modelo continuista dende a ditadura e de depredación de recursos de Piñera, presidente criticado por Miranda no Parlamento Europeo.
Encontro coa ministra portavoz do goberno
Durante a súa estancia en Chile como convidada do novo goberno, Ana Miranda desenvolverá unha intensa axenda de encontros, seminarios e recepcións oficiais. Así, participará no seminario internacional organizado polo alcalde de Recoleta e figura referente da esquerda chilena, Daniel Jadue, que leva por título “Construír alternativas ao neoliberalismo coa unidade e integración latinoamericana e caribeña”, que contará coa presenza de diversas delegacións internacionais.
Tras este seminario internacional, a integrante da Executiva Nacional do Bloque manterá un encontro coa política chilena do Partido Comunista, Camila Vallejo, -unha das políticas referentes das protestas-, quen a partir do 11 de marzo asumirá o cargo de portavoz do goberno presidido por Gabriel Boric. Asemade, Ana Miranda reunirase coa expresidenta da Convención Constitucional, Elisa Loncon –quen recentemente estivo en Compostela para participar nun un encontro con Ana Pontón, organizado pola Fundación Galiza Sempre-.
En representación do Bloque, Miranda participará en Valparaíso nos actos de asunción presidencial nos actos de recepción oficial das delegacións internacionais. De alí trasladarase de novo a Santiago de Chile para asistir ao discurso oficial que o presidente electo vai ofrecer dende o Palacio da Moeda, lugar cheo de simbolismo político, por ser o espazo no que, por derradeira vez, Salvador Allende se dirixiu ao pobo chileno.
Tras os actos de investidura do novo presidente de Chile, xa o sábado día 12, a coordinadora de Relacións Internacionais do BNG reunirase co secretario de Internacional de Wallmapuwen- Partido Autonomista Mapuche, Hector Cumilaf. O mesmo día 12 participará no encontro Feminista Internacional coas parlamentarias, ministras e referentes feministas de “Apruebo Dignidad” (integrado polo Frente Amplio e Chile Digno), que terá lugar na Municipalidade de Santiago e no que tamén estará presente a súa nova alcaldesa, a comunista de Chile Digno Iraci Hassler.