BNG | nota de prensa
O BNG denuncia a presión do “lobby marroquí” na Eurocámara en detrimento dos dereitos saharauís
Wilaya de Dajla, 14 de xaneiro de 2023.- A eurodeputada do BNG e vicepresidenta do Intergrupo do Sáhara Occidental da Eurocámara, Ana Miranda, participa no XVI Congreso do Frente Polisario que ten lugar na “Wilaya de Dajla", os campamentos de refuxiados saharauís en Arxelia. “É fundamental a nosa presencia neste congreso histórico, xa que se trata dun evento de gran importancia para a causa saharauí por ser o primeiro que se celebra desde 2019 e desde a volta á guerra nun contexto internacional e de reconfiguración xeopolítica”, explica Miranda, quen interveu onte na apertura do Congreso do Polisario amosando o apoio á loita e resistencia do Pobo do Sáhara Occidental.
Mostra do total respaldo do BNG ao Pobo Saharauí, a loita polos dereitos humanos e pola independencia do Sáhara Occidental é igualmente a participación no Congreso do Frente Polisario da deputada Montse Prado, membro da Executiva Nacional do Bloque e integrante do Intergrupo do Sáhara Occidental no Parlamento Galego.
“Existen varios temas de actualidade no desenvolvemento da política internacional, como son a presión exercida na Eurocámara en contra do Pobo Saharauí, que agora sae á luz a raíz do Qatargate e que xa se coñece como Moroccogate”, sinalou a eurodeputada nacionalista, quen subliñou que aínda que este caso de corrupción foi feito público agora, o BNG na Eurocámara leva tempo denunciando a presión marroquí cando constantemente se boicoteaban resolucións no Parlamento Europeo de apoio ao Pobo Saharauí.
“Temos que denunciar que o lobby marroquí foi sempre moi incisivo e contou co consentimento da Unión Europea”, manifestou Miranda, quen explicou que esa presión tamén é feita “nas sucesivas e terribles denuncias sobre as persoas defensoras dos dereitos humanos”. Neste sentido lembra os casos de Aminatu Haidar, -que en 2005 foi encarcerada e torturada polo réxime marroquí- e de Sultana Khaya -que en 2021 foi encerrada por Marrocos na súa casa durante máis de 100 días- así como os prisioneiros políticos saharauís e a opresión que Marrocos exerce na poboación dos territorios ocupados.
Soberanía e autodeterminación
A eurodeputada do BNG considera fundamental a defensa da soberanía do Sáhara Occidental e do seu dereito a autodeterminación así como a recuperación do control sobre os propios recursos naturais. ”Os recursos naturais, enerxéticos, agrarios e pesqueiros do Pobo Saharauí foron e seguen sendo espoliados e esquilmados pola ocupación ilegal de Marrocos coa conivencia das potencias europeas”, denunciou a eurodeputada nacionalista, quen defendeu o seu dereito a xestionalos. Neste sentido, Miranda lembra que a Corte de xustiza europea emitiu o ano pasado unha sentenza histórica que declaraba ilegais os acordos comerciais e de pesca da UE con Marrocos porque non contan co apoio e consentimento do Pobo Saharauí, representado polo seu lexitimo representante político, o Frente Polisario. “Esperamos e desexamos que a inminente sentenza definitiva por parte do Tribunal de Xustiza da UE sexa favorable ao Pobo Saharauí”, salientou, ao tempo que denunciou o “inaceptable cambio de postura do goberno español, aceptando as presións da ditadura marroquí”.