O BNG esixe explicacións no Parlamento Galego pola protección da contorna da igrexa de Santa María e da Torre de Celas en Culleredo
A deputada nacionalista Iria Taibo rexistrou varias iniciativas parlamentarias, motivadas pola crecente preocupación veciñal, nas que demanda información sobre as accións emprendidas para garantir a preservación destes dous monumentos protexidos. A igrexa de Santa María de Celas, cunha fachada principal de estilo románico e sometida a unha importante restauración no século XVIII, está incluída no catálogo do Plan Básico Autonómico da Xunta de Galiza, o que subliña a importancia de salvagardar o seu entorno.
Taibo sinala que as obras na AC-400, responsabilidade da Xunta de Galiza, deberían contar cos informes preceptivos e coas medidas necesarias para evitar calquera dano ao patrimonio. A contorna destes monumentos foi delimitada e regulada baixo directrices da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co obxectivo de garantir a súa posta en valor. Por iso, o BNG demanda que se respecten escrupulosamente estas normativas durante a execución das obras.
Ademais, o BNG anunciou que levará esta cuestión ao próximo Pleno do Concello de Culleredo, co fin de asegurarse de que se tomen todas as precaucións necesarias para protexer estes bens culturais de grande valor histórico e artístico para a comarca.
A preocupación manifestada polo BNG reflicte o interese da formación nacionalista en salvagardar o patrimonio cultural galego, especialmente cando se ve ameazado por intervencións que, sen a debida supervisión, poderían comprometer a súa integridade.