BNG | nota de prensa

BNG exixe responsabilidades pola actuación abusiva da Policía Nacional durante o despregamento dunha bandeira patriótica na Coruña

Néstor Rego urxe abrir unha investigación para que coñecer os motivos polos que se deu orde á Policía nacional de identificar ás persoas participantes dun acto completamente pacífico e legal no que se empregaba a simboloxía propia da Galiza.
BNG exixe responsabilidades pola actuación abusiva da Policía Nacional durante o despregamento dunha bandeira patriótica na Coruña
Néstor Rego
Néstor Rego

Madrid, 5 de xullo de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama o esclarecemento dos feitos acontecidos onte, domingo catro de xullo, despois de que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado identificasen a 14 persoas de maneira arbitraria e non amparada legalmente. Así mesmo, urxe comezar unha investigación dos feitos e exixir responsabilidades aos axentes que participaron na identificación mentres despregaban unha bandeira patriótica nun acto completamente pacífico e que contaba coa debida comunicación administrativa, e tamén das autoridades gobernamentais que deron a orde para que se fixese esta actuación abusiva.

Mentres decorría V Bandeira Cidade da Coruña, realizouse unha acción simbólica no paseo marítimo da Coruña, á altura da Domus, en que se despregou unha bandeira patriótica galega e unha pancarta baixo o lema “Avante Toda”. O Obxectivo da acción era animar as tres embarcacións galegas que participaban na competición da liga Euskolabel da Asociación de Clubs de Traiñeiras (ACT).

Da realización do acto informárase previamente ao Director de Seguridade Cidadá do Concello da Coruña, mediante escrito rexistrado o pasado un de xullo, polo que se cumpría coa exixencia de comunicación previa e sen que existise contestación ou resolución administrativa posterior denegando a actividade, que se prevía para o sábado de 17:30-19:30 sábado e o domingo de 11:30-13:30.

O domingo, “debido ao forte vento, os organizadores optaron por retirar a bandeira despregada, momento en que dous vehículos da Policía Nacional rodearon aos participantes e comezaron a identificar a todos os presentes” explica Rego. Os catro axentes, a pesar de ser preguntados reiteradamente sobre o motivo que tiñan para identificar as persoas que levaran a cabo este acto simbólico, non deron información en ningún momento sobre a que se debía.

Finalmente acabaron por afirmar que consideraban que a bandeira pendurada “non era legal” e que tiña ordes para proceder a identificar a todas as persoas presentes. “Resulta absolutamente intolerábel que ante a realización dun acto simbólico e pacífico se dea ordes á Policía Nacional de dificultar o seu desenvolvemento e, a través da identificación, se intimide ás persoas que participaban. Persoas que estaban a exercer os seus dereitos democráticos á liberdade de expresión, á reunión e manifestación, así como  a utilizar a simboloxía nacional propia da Galiza” subliña o deputado nacionalista.

As ordes recibidas por estes axentes pertencentes ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado “só poderían proceder da Delegación do Goberno en Galiza, motivo polo que solicitamos que o Delegado, José Manuel Miñones Conde, explique os motivos que levaron a dar instrucións para acometer esta actuación policial represiva de dereitos democráticos lexítimos”.

BNG exixe responsabilidades pola actuación abusiva da Policía Nacional durante o despregamento dunha bandeira patriótica na Coruña