BNG | nota de prensa
BNG insiste en que a AP-9 debe ser libre de peaxe
“A suba de 4% continúa a ser inaceptábel. O que correspondería sería conxelar as portaxes, tal e como fai a SEITT nas autoestradas que xestiona na contorna de Madrid
Madrid, 28 de decembro de 2022. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, exixe rematar coa discriminación e o agravio coa Galiza en materia de infraestruturas e reclama ao Goberno do Estado a paralización da suba de 4% das portaxes da AP-9 e a AP-53, a autoestrada que conecta Dozón con Santiago. Para alén do máis, o BNG reclama finalizar a concesión e liberar de peaxe a AP-9 por existir un informe da Unión Europea que declara ilegais as prórrogas concedidas de 10 e 25 anos por gobernos do Estado de PSOE e PP.
Néstor Rego lembra que as persoas usuarias habituais da AP-9 teñen hoxe as peaxes a metade de prezo grazas aos descontos negociados polo BNG. Con todo, considera inadmisíbel a nova suba das portaxes da AP-9 e da AP-53. Particularmente, nunha autoestrada como a do Atlántico que debería ter finalizada a concesión en 2013. O deputado do BNG lembra a existencia dun informe da Unión Europea que declara ilegais as prórrogas concedidas: de 10 anos por un Goberno de Felipe González, do PSOE, e de 25 anos por outro de Goberno de Aznar, do Partido Popular. “Hoxe a AP-9 debería ser unha autoestrada libre de peaxe como o son todas as autoestradas do Estado español da súa época que finalizaron a concesión aos 40 anos” reclama Rego.
Hai que lembrar que a formación nacionalista xa rexistrara iniciativas reclamando ao Goberno do Estado que impedise a suba das peaxes demandada pola concesionaria. De facto, Rego destaca que, tal e como está comprometido, o Goberno do Estado debería como mínimo asumir a suba de 1% correspondente aos convenios de 2011 e 2013 polas obras realizadas.
“Resulta inaceptábel e unha discriminación para o noso País que se prorroguen a concesión e as portaxes até o ano 2048. Unha carga para todos os usuarios e usuarias e, mesmo, unha carga tamén para as empresas estabelecidas no Eixo Atlántico que ven minguar a súa competitividade polos custos que supón en materia loxística” denuncia o deputado do BNG.
O Bloque Nacionalista Galego continúa a reclamar que se poña fin á concesión e que a vía de comunicación do Atlántico pase a ser unha autoestrada “libre de peaxe” e rexeita a suba de 4%. “Por moito que sexa a metade da reclamada por AUDASA, segue sendo unha auténtica barbaridade nun contexto de crise social e económica e, mesmo, un agravio comparativo co que o propio Estado –a través da Sociedade Estatal de Infraestruturas de Trasporte Terrestre (SEITT)- fai con autoestradas que xestiona na contorna de Madrid, en que as portaxes levan conxeladas desde 2018” indica.
O deputado nacionalista urxe o Goberno do Estado a cumprir os compromisos adquiridos, rematar con esta discriminación que sofre a Galiza e “conxelar as peaxes da AP-53 e liberar de portaxes a AP-9, pondo fin á concesión da autoestrada do Atlántico”.