BNG | nota de prensa
O BNG insta ao goberno a cumprir as demandas do proceso de infracción aberto pola Comisión Europea pola falta de protección da Rede Natura
Bruxelas, 28 de xaneiro de 2021.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reclama que o goberno cumpra os requirimentos do proceso de infracción aberto pola Comisión Europea sobre a falta de medidas para protexer os espazos integrados na Rede Natura. En resposta a unha pregunta enviada á Comisión sobre o incumprimento da normativa europea e o ataque á Rede Natura que supón a instalación dun parque eólico no Monte das Salgueiras, -que afecta aos concellos de Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Malpica- o Executivo Comunitario confirma que ten aberto un procedemento de infracción contra o Estado español “por non establecer obxectivos de conservación suficientemente detallados para ditos lugares e medidas de conservación cuantificadas para as súas zonas especiais de conservación”.
“Dende o Bloque levamos anos denunciando os incumprimentos sistemáticos dos gobernos galego e estatal dun dos criterios fundamentais para Bruxelas, como é a protección dos espazos da Rede Natura, e xa no mes de xullo a Comisión pediu ao Estado español que tome medidas para protexer e xestionar a súa Rede Natura 2000”, salienta Miranda, quen lembra que a pregunta sobre o parque eólico en Ponteceso foi formulada tras a visita que realizou á zona e unha reunión celebrada con colectivos afectados, na que tamén participaron os deputados do BNG no Parlamento Galego, Luís Bará e Daniel Pérez; a responsable local do BNG en Ponteceso, Lucía Veciño, e outros integrantes do BNG comarcal.
Na súa resposta, a Comisión ademais de indicar que non ten información concreta sobre o parque eólico de Ponteceso, destaca que “de acordo coa Directiva sobre os hábitats, calquera plan ou proxecto que poida afectar de forma apreciable a un lugar Natura 2000, xa sexa individualmente ou en combinación con outros plans ou proxectos, ha de someterse a unha axeitada avaliación das súas repercusións no lugar, tendo en conta os obxectivos de conservación do lugar”. No documento tamén se advirte de que o “plan ou proxecto só deberá autorizarse se a avaliación conclúe que non causará prexuízo á integridade do lugar en cuestión”.
Destrución do espazo
“Na visita que fixemos á zona puidemos comprobar como o inicio de instalación do parque eólico prexudica gravemente un lugar catalogado como Espazo Natural Protexido e susceptible de ser incluído na ampliación da Rede Natura, coa apertura de grandes pistas e a destrución do hábitat”, explica Ana Miranda. Neste sentido critica que Galiza conta cunha das menores porcentaxes da Rede Natura no Estado español (27%), pero tamén de toda a Unión Europea, cun 11,74% de superficie protexida. “O goberno galego non só amplía os espazos protexidos, senón que destrúe os espazos que poderían formar parte da Rede Natura”, denuncia.
“Fronte a este desleito agardamos que a apertura do procedemento de infracción serva para que aumente a protección medioambiental, que ademais repercute na calidade de vida da veciñanza”, sinala a portavoz do BNG en Europa, quen lembra que a Comisión xa enviou ao Estado Membro unha una carta de emprazamento complementaria co obxectivo de que tome as medidas de conservación necesarias. Neste sentido a Comisión sinala que o Estado español aínda non designou como Zona Especial de Conservación 345 lugares, máis da cuarta parte dos 1. 278 Lugares de Interese Comunitario (LICs).
Con esta resposta da Comisión, o BNG comprométese a enviar a Bruxelas unha relativa ao Parque das Salgueiras, así como sobre a falla de acceso á información por parte do Goberno galego a respecto da a segmentación dos parques eólicos que está levando a cabo. “A produción de enerxía é moi importante para Galiza, pero non se pode facer a calquera prezo, sobre todo cando aquí pagamos uns prezos desorbitados, pese a ser un país tamén exportador”, conclúe Ana Miranda, quen defende que o BNG sempre estará a favor dunha enerxía limpa e renovábel que sexa respectuosa co medio, coa paisaxe e coas persoas.