BNG | nota de prensa
O BNG de Oleiros solicitará ao Goberno local que se ofreza para acoller refuxiados da ondada que desborda estes días os recursos sociais das Illas Canarias
O portavoz municipal nacionalista está certo de “que como tantas veces ten demostrado na historia recente o noso Concello, estudará de que xeito pode, no concreto, colaborar no acollemento de persoas refuxiadas sexan estas as que veñen de conflitos África ou noutros conflitos como o masacre sionista na Palestina”
Oleiros, 31 de outubro de 2024.- Nos vindeiros días, o Goberno trasladará a Galiza a máis de 400 inmigrantes dende as Illas Canarias. O obxectivo é que reciban atención humanitaria e servizos mínimos, xa que os dispositivos de socorro das Illas están desbordados pola ondada de caiucos de persoas desesperadas.
A operación é semellante á que se desenvolveu para atender os refuxiados da guerra na Ukraína e que tan ben acollidos foron en toda a UE.
Estes tráxicos episodios xunto coa situación de terror á que Israel está a someter aos lexítimos habitantes da Palestina, devolveu moi momentaneamente as olladas da atención mediática, política e social ao masivo drama humanitario que están a padecer as millares e millares de persoas que tratan desesperadamente de chegar a Europa fuxindo das guerras, violencias e agresións económicas que destruíron previamente as súas vidas e sociedades nas súas nacións de orixe. Un drama que, ben sabemos, é diario e cotián, deixa mortes, sufrimento, violacións, humillación, escravitude... todos os días, aínda que iso teña deixado de ser noticia por quen fabrica e decide a “a axenda mediática”.
Polo que temos visto, eses 400 refuxiados serán derivados a Coruña, Vigo e Sanxenxo trala lamentábel negativa do Alcalde socialista de Sobrado dos Monxes de acoller a 40 destes inmigrantes. A Casa das Audiencias, pertencente ao complexo do Mosteiro de Sobrado dos Monxes, tería sido o lugar no que se faría a acollida destes 40 inmigrantes. Fontes do propio mosteiro aseguran que as instalacións xa estaban prestas para a chegada, mais após todos os preparativos, recibiron o aviso de que finalmente non tería lugar a devandita acollida, porque « a xente da vila non quería».
Evidentemente, somos conscientes da complexidade que supón o tema do que estamos a falar, das súas implicacións e da importancia que ten non darmos pasos en falso ou non facermos anuncios irresponsábeis que logo non se poidan materializar: falamos de persoas ás que hai que facilitar o dereito a iniciaren unha nova vida. Mais si que ao BNG nos parece necesario, como mínimo, estudarmos co debido rigor e seriedade, á vez que con todas as doses posíbeis da humanidade que tantas veces ten demostrado na historia recente o noso Concello, de que xeito podemos nós, no concreto, colaborar no acollemento de persoas refuxiadas sexan estas que veñen da África ou noutros conflitos como o masacre sionista na Palestina. Sexa a través da FEMP ou da FEGAMP, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ou de calquera outra vía.
A traxedia das persoas desprazadas pola guerra, a violencia ou agresións económicas e ambientais propias do peor colonialismo depredador, unha das peores lacras da Humanidade do noso tempo, pensamos que require de pasos decididos, coraxe e iniciativas concretas, construídas sempre desde as propias posibilidades e recursos que poidamos ofrecer.