BNG | nota de prensa
BNG reclama aumentar o investimento dos Orzamentos do Estado na comarca das Mariñas
Rego defende a rehabilitación e a posta en valor do Parque do Pasatempo, en Betanzos, con cargo a 1.5% cultural do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana
A formación nacionalista reclama a mellora das liñas ferroviarias da comarca coa construción do by-pass e a mellora da seguranza viaria nos concellos de Coirós, Bergondo, Aranga e Betanzos
Madrid, 17 de novembro de 2021. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, anuncia as emendas presentadas aos Orzamentos do Estado de 2022 para a comarca das Mariñas, pondo o foco na seguranza viaria e a mellora ambiental. A formación nacionalista reclama a rehabilitación do Parque do Pasatempo de Betanzos, así como a execución e construción do by-pass ferroviario nesta mesma localidade.
A formación nacionalista rexistrou unha emenda aos Orzamentos do Estado para a rehabilitación do Parque do Pasatempo localizado en Betanzos. Trátase do primeiro parque temático europeo, que foi xa declarado Ben de Interese Cultural, mais que se atopa, a día de hoxe, nun estado de total de abandono. “O Goberno do Estado comprometérase a dedicar fondos para a súa rehabilitación mais non existen partidas orzamentarias específicas” explica Rego. Por este motivo, o deputado propón financiar esta actuación con cargo ao 1.5% cultural para a súa rehabilitación e conservación.
Así mesmo, o deputado nacionalista insiste na necesidade de modernizar as redes ferroviarias da Galiza e defende a necesidade de levar a cabo as obras demandadas durante décadas como é o by-pass ferroviario de Betanzos. “A súa construción reduciría o traxecto A Coruña-Betanzos Ferrol e favorecería a promoción do uso do transporte colectivo frente o uso dos vehículos particulares” explica Néstor Rego.
“Os Orzamentos do ano pasado contemplaban unha partida de 120 mil euros para a construción do by-pass mais non se executaron. Este ano, a proposta recolle só 17 mil euros que costaría, entre 20 e 40 millóns segundo os estudos realizados” recrimina o deputado nacionalista. No plano ferroviario, Rego tamén rexistra unha emenda para dedicar 300 mil euros ao soterramento da vía de tren en Oza dos Ríos para a eliminación do paso elevado sobre a estrada AC-840- titularidade da Xunta de Galiza- por ser un paso estreito e perigoso que “provoca problemas de seguranza viaria por carecer de beiravías e pasos peonís”.
Alén do máis, a organización frentista presenta emendas para a rexeneración da Ría de Betanzos para que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico cumpra co acordo de investidura asinado entre BNG e PSOE: “É urxente acometer esta situación para mellorar a calidade da auga. Hai que estabelecer medidas de depuración e saneamento que permitan a recuperación dos bancos marisqueiros e o uso das praias” subliña Rego.
Por outra banda, o deputado nacionalista fixo tamén referencia ás emendas rexistradas para a mellora da seguranza viaria de toda a comarca, a comezar pola N-VI ao seu paso polos concellos de Coirós, Bergondo, Aranga e Betanzos. “Existen varios puntos negros que precisan da mirada e a actuación do executivo estatal. En moitos casos, o proxecto xa está rematado e só se precisarían partidas específicas para a súa execución” lembra Néstor Rego.
No que ten haber coa N-VI, a formación nacionalista tamén reclama a humanización e transferencia da titularidade do tramo urbano ao seu paso por Betanzos. Trátase, segundo subliñou o deputado nacionalista, dunha vía netamente urbana e a súa desafectación e cesión permitiría actuacións que calmase o tráfico, a través dunha sinalización adecuada.
Para rematar, a organización frentista demanda estudar a posibilidade de que o Concello de Abegondo conte cun enlace directo coa AP-9, o que suporía unha mellora nas comunicacións de toda a comarca”. Os núcleos de poboación de Bergondo, situados a carón da autopista tamén precisan da instalación de barreiras sonoras que eviten a contaminación acústica provocada polo tránsito da Autoestrada do Atlántico.