Recuperación de espazos públicos
O cárcere (un quinto) para o outono
O concurso para os usos resolverase en setembro, segundo estimación da responsable de Participación.
O vello cárcere abrirá as súas portas reconvertido nun lugar de memoria e apoio aos novos creadores culturais locais no outono, segundo a previsión do Concello, que onte presentou as bases do concurso público para a xestión do espazo diante de media ducia de asociacións e colectivos veciñais na Casares Quiroga.
Transversal é a palabra de moda no Concello. Por iso onte até tres concelleiros -a de Participación Cidadá (Claudia Delso), o de Culturas (José Manuel Sande) e o de Rexeneración Urbana (Xiao Varela), máis dous técnicos, dos dous primeiros departamentos- concederon una reunión a diferentes asociacións interesadas en desenvolver proxectos no cárcere. Tratábase de explicar que é o que pretende o Concello coas bases publicadas a pasada semana. “É algo novo”, indicou Delso, mais non acertou a concretar ben o modelo de xestión. E os asistentes deron en preguntar: “Haberá empregado na porta?”. “Non imos recuperar a seguridade privada que había nin a destinar a esas tarefas a ningún funcionario público”, dixo Delso. O Concello pagará a luz e a auga, mais a entidade que se faga cargo da dinamización correrá cos gastos do seguro, “e será un seguro caro”, advertiron desde o Proxecto Cárcere, a única entidade que ten un plan para concorrer ao concurso. Pero non está claro en que consistirá esa labor de dinamización máis alá do papel. “Se unha única entidade xestiona, que farán as demais?”. A concelleira manexa a teoría sobre a participación, pero a práctica está chea de incógnitas. “Iremos aprendendo”, resumiu.
Segundo as bases, a entidade concesionaria deberá garantir unha apertura mínima do espazo de dous días por semana. A maioría das demandas que lle chegan ao Concello son de instalacións para desenvolver actividades. “Pronto haberá catálogo de locais municipais en condicións de ser usados”, adiantou Delso. Pero no cárcere esíxese algo máis: promoción da memoria, dos novos creadores e das actividades socio culturais que nos dispoñan doutro sitio. Todo nun mesmo paquete (o 40%) que é como dicir que vale con xustificar un 40% de memoria, ou de novos, ou de outros, para cumprir coas bases. Outra incógnita.
Xiao Varela indicou nun plano o espazo que se recuperará de aquí a finais do verán e que levará uns 240.000 euros. Será o corredor da entrada até o panóptico e o patio e as dependencias que están a dereita do conxunto.
Uns 1.500 metros cadrados, aproximadamente o 20% do total do cárcere. Non se inclúen celas nin actuacións para garantir a accesibilidade, inda que se o proxecto gañador do concurso de usos o require, tomaranse medidas de accesibilidade. “Botaremos unha man en todo”, tranquilizou Varela aos asistentes, inquedos porque o Concello está ofrecendo un prato moi apetitoso pero de difícil dixestión. Barreiras á participación, que tamén as hai. Ninguén dixo que isto de recuperar edificios “para a xente” ía ser fácil, nin sequera fácil de entender. Con mecanismos tan intricados, o cárcere inda semella cheo de espiñas.